Medo me dá!

É guapo? Eu non teño opinión ó respecto. O que si podo afirmar, sen temor a trabucarme, é que lle gustan as cámaras e domina o discurso televisivo. Tan só lle falta o nariz vermello e a perruca para dar a imaxe do que realmente é, aínda que sen eses elementos xa encaixa perfectamente no circo no que convertiron a televisión. Non menciono o seu nome e o do seu partido por un motivo: a publicidade, se a queren, que a paguen.

  

O comercial –posúe grandes dotes de vendedor- lidera, dende Cataluña, un partido que vende renovación e cambio. Cambio si, pero de chaqueta. Os descartes e descontentos de UPyD e do PP, na procura de sillóns e moquetas nas que poder vivir a conta de todos nós, desembarcan nas listas electorais deste amago de proxecto político. Manda truco que esta xente nos fale de renovación política…

Aldeáns? Non. Viláns? Tampouco. Como o seu propio nome indica, eles son da urbe. Así queda de manifesto en Galicia, onde só presentan candidatura nas cidades galegas. Traballo lles custou, pois as ansias de poder e os egos dos chaqueteiros, case acaban por desmontar o tenderete antes de comezar.

Segundo as enquisas dos medios do PP, pasarán a formar parte dos plenos das cidades do noso país. E mesmo poden chegar a formar goberno con outros partidos políticos. Medo me dá!

PABLO CIBEIRA (OLEIROS), XORNALISTA



Os indecisos, a chave de Compostela

Xa saíu a derradeira enquisa do CIS antes das eleccións municipais. A intención directa de voto fala dunha vitoria do PP, mais existe un gran número de indecisos que, de seguro, terán moito que dicir nos comicios.

 

FONTE: CIS ABRIL 2015
FONTE: CIS ABRIL 2015
En concreto, un 71 % dos enquisados ten pensado ir votar (dos cales o 67,3 % o fará con total seguridade). E o que é máis importante, de todas as persoas que teñen pensado votar, un 30,9 % aínda non sabe a quen o fará. Noutras palabras, os indecisos suman unha porcentaxe similar ás dúas primeiras forzas políticas en intención directa de voto. Á espera do desenvolvemento da campaña electoral, queda todo por dicir.

 

LEMBRANZA DE VOTO: O ESCEPTICISMO TEN A PALABRA

O electorado que vai ser mobilizado este mes é ben diferente ao que ten acudido aos comicios de Santiago. En primeiro lugar, hay que falar de que un de cada catro composteláns recoñece que, ou ben non votara nas anteriores eleccións, ou non di a que partido o fixo. Pero o interesante dentro dese colectivo de escépticos e desafectados,  é coñecer que máis da metade (56,3 %) si ten pensado votar a un partido político concreto nestas próximas eleccións. Isto dinos que a indecisión e a desafección política está mudando, e o electorado tamén. Semella que nestas municipais, o que diga a demoscopia non será representativo en tanto non existe un partido que concentre unha porcentaxe moi superior, pero sí en canto a que o voto tradicionalmente desmobilizado, mobilizarase en gran número.

 

Intención directa de voto das persoas que non votaron nas municipais de 2011    Fonte: CIS Abril 2015
Intención directa de voto das persoas que non votaron nas municipais de 2011 Fonte: CIS Abril 2015
OS MAIORES, DO PP; OS MOZOS, DE COMPOSTELA ABERTA.

Non é convinte tratar de explicar un comportamento electoral simplemente a través dunha variable. Cómpre fixarse tamén nas condicións sociodemográficas para entendelo, e máis nun Concello (en realidade en toda a Comunidade) onde a idade é determinante para explicar os resultados electorais. En Santiago de Compostela, o CIS fala de que un 40 % dos maiores de 65 anos ten a intención de votar ao PP. Esta circunstancia sería crucial se non fose porque desta volta, máis do 72 % da mocidade –de 18 a 34 anos– ten pensado votar, mentres que nos maiores de 65, esta conducta non chega ao 65 %. E entre estes mozos, o apoio principal o obtén Compostela Aberta (arredor dun 20%).

O 24 de maio, Compostela decide

A importancia que cada un queira dar á demoscopia é moi lexítima. Obviamente, as enquisas non son máis ca unha guía ou ferramenta de traballo para os partidos. Obsesionarse cos datos non é bo para a política, pero prescindir deles, tampouco. O 24 de maio Compostela ten unha importante cita coas urnas. O CIS confirma que ata o mesmo día, non hai nada decidido, e agora comeza unha das campañas máis influíntes dos últimos anos.