Feminismo: Nin de esquerdas nin de dereitas

O feminismo é un movemento que trascende a calquera ideoloxía política pechada. Non se pode encerrar nunha caixiña unha idea tan ampla como a igualdade entre seres humanos, entre persoas de diferente sexo.
NURIA POST ADALID.jpg
Ademais, recoñécense varias modalidades de feminismo, como o cultural, liberal, ecofeminismo ou anarcofeminismo, entre outras. Isto fai que, ás veces, incluso se fale de “feminismos” en plural. Defínese, nesta liña, o feminismo como o conxunto heteroxéneo de ideoloxías e de movementos políticos, culturais e económicos que teñen como obxectivo a igualdade de dereitos entre varóns e mulleres. Obviamente existen políticas claramente sexistas e outras feministas. E tamén é certo que adoita haber unha tendencia a que as primeiras se atopen na dereita e as segundas na esquerda. Porén, non necesariamente. Unha persoa pode ser feminista pertencendo a calquera partido político ou ideoloxía. Incluso sendo apolítica. E debería superar o aspecto relixioso tamén. Hai persoas relixiosas que, aínda con todo o que a relixión limita ás mulleres, se declaran feministas. Porque o feminismo é unha loita que non entende de cores políticas nin concepcións sobre outras ideas e, creo que en certo modo, é preciso que así continúe sendo. Todo o mundo debería ser feminista polo simple feito de que as mulleres somos seres humanos e, como tales, debemos formar parte da sociedade como iguais. Non cunha concepción estereotipada e sexista da mesma. Queremos a igualdade legal, si; pero tamén queremos a igualdade real e efectiva. E quen diga que xa a temos debería dar un paseíño polo mundo real, porque este chega máis alá de nós mesmos e das persoas que nos rodean. Moito máis alá dun papel no que se reflicte unha lei. Reflíctese na fenda salarial e no acceso a postos. Reflíctese en delitos tipificados polo noso Código Penal cometidos con completa normalidade diariamente contra mulleres. Reflíctese en todo isto, entre outras moitas situacións. Hai seres humanos sufrindo a nosa ignorancia. Espabilemos!
“Vivimos nun mundo no que as decisións se lexitiman en relación a quen as dixo, non valorando as ideas en si mesmas”
Supoño que cando estudamos carreiras, ocupamos postos políticos ou simplemente formamos parte da sociedade, a nosa realidade nos limita. As leis, as novas. Lemos e asimilamos. Interiorizamos. E fin. Pero non podemos limitarnos desa maneira. Temos todas as estadísticas e experiencias do mundo á nosa disposición. A un simple click. Está na nosa man pararnos a entender a realidade e saber que non, a desigualdade non é un problema de dereitas, nin de esquerdas nin é un problema inventado: a desigualdade é un problema real que afecta a unha porcentaxe altísima da poboación mundial. E nacional. E rexional. Está en todas partes. E aínda hai quen se nega a vela. Vivimos nun mundo no que as decisións se lexitiman en relación a quen as dixo, non valorando as ideas en si mesmas. O feito de que o feminismo trascenda a isto e non se posicione claramente nun lado ou outro da balanza é chave para que funcione. Da igual a idea que teñamos sobre o libre mercado ou sobre a tauromaquia. Non importa a nosa opinión sobre os desahucios ou a banca. Todo iso está fóra deste debate: a pesar de todo iso podemos crer na igualdade entre homes e mulleres. E aí, da igual a cor política, deberiamos unirnos todos. E unha vez esteamos sentados todos xuntos na mesa de decidir, xa discutiremos todos e cada un dos temas que deixamos fóra deste debate. Separados por cores políticas, pero independentemente do sexo de cada un. É máis, nin sequera estou convencida de que nos teñamos que seguir dividindo en cores. Paréceme que a idea que propoño para solucionar a cuestión de igualdade sería a adecuada para afrontar a política en xeral. Creo que separar e limitar a política en “esquerda e dereita” resulta un tanto anacrónico nos tempos que corren. Un salto ao vacío e un motivo directo para non escoitar as ideas que veñen “do contrario”. Somos moitísimo máis heteroxéneos do que normalmente nos permitimos admitir. Os partidos políticos non están fundados en lóxica humana, estano en ideas pechadas. As ideas pechadas non teñen a capacidade de escoitar o que o resto de ideas teñen que ofrecer, os humanos que forman parte dos partidos si. Démoslle a humanidade que precisan a todos os partidos e enchamos a democracia da heteroxeneidade que precisa. Os partidos están creados no “ti non tes razón”. E pode que todos teñamos unha pouca. Foto | Mónica Señoráns

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.