Etiquetas

Ó monte non o queima a despoboamento no rural nin o abandono das tarefas de limpeza e desbrozado, nin a distribución imprecisa das utilidades territoriais. Trátase de elementos que contribúen á propagación, pero hai alguén antes, na cadea de acontecementos, acendendo unha mecha. Quen? Por que?

Teorías circulantes sobre as autorías:

  • psicópatas de toda pelaxe, frustrados, resentidos, acomplexados…
  • Competencia turística desleal
  • Promotores inmobiliarios (semella pouco probable; os investidores buscan seguridade xurídica e por riba hai inmensas extensións xeográficas onde non encaixa a construción de vivendas nun status excedentario a partires do estoupido da burbulla).
  • A Política: o uso do lume con fins electoralistas.
  • O terrorismo, mesmo o internacional, sen fronteiras, que buscar minar os cimentos dos Estados atacando os seus recursos primarios e sementando o medo na poboación.
  • Intereses sectarios dos gandeiros ¿? Os lumes arrasaron as súas reservas de herba e se agora teñen que mercar forraxe fora aseguran a súa ruína, se non é que xa era real por percibir prezos polo leite por debaixo dos custes de produción.
  • Intereses sectarios dos agricultores ¿? Para incrementar a disposición de terreos para sementar… Non é o caso de Galiza. O rural é deficitario en persoas.

Coaligados cos executores dos lumes están os elementos que favorecen a súa propagación, que teñen que ver, todos eles, coa situación de abandono que vive o noso medio rural:

  • A diminución da actividade agrícola e os cambios nos xeitos de cultivo fan innecesaria a recollida de toxo para servir de cama (louza) nos cortellos e recoller a bosta que logo serviría de abono orgánico nas terras por sementar.
  • O éxodo á cidade xunto co procedemento testamentario que da lugar a partixas desencadea una distribución da propiedade do monte en micro parcelas das que moitos dos herdeiros, establecidos nas cidades, non teñen nin idea sobre a súa localización e moito menos teñen en mente tomar o traballo de ocuparse de limpalas.
  • Ademais, a inexistencia de mancomún interfire coa disposición de medios compartidos por unha colectividade para coidar o forestal posto en valor. Cando isto ocorre os incendios son moi raros, por exemplo no país basco ou mesmo na mariña lucense.

Xa que logo, os pirómanos van seguir tendo fácil o exercicio da súa actividade terrorista. Veñen anos nos que o meirande esforzo, tristemente, por falta dunha política de intervención no rural, vai descansar, simplemente, nas medidas técnicas e na implementación dos avances na loita contra as lapas desde que se detecta o fume ata que se extingue. Nese punto, máis tarde que cedo, van cobrar importancia os drons, o seguemento vía satélite, as torres vixía dotadas de potentes cámaras controladas por un mando único, o uso de bombas explosivas, etc., etc., etc.

Pero poida que iso non abonde nun territorio no que o mesmo Presidente do Goberno, apoiado polo presidente da Xunta, que chama aos propietarios pequenos a prantar árbores autóctonos concede unha moratoria de sesenta anos para a marcha de Ence da ría de Pontevedra, nutrida co eucalipto galego, desde esa visión a curto prazo que busca engordar o rendemento da multinacional e non a conveniencia e a supervivencia do modelo de desenvolvemento para o país galego, a longo prazo.

No capítulo de posta en marcha de ferramentas de xestión para a posta en valor do monte galego está todo por facer. É un clamor entre os entendidos na materia a necesidade de artellar a fundación dunha empresa de xestión pública e capital privado que estabilice unha dimensión brigadista, todo o ano, composta a lo menos por mil cincocentas persoas, que teña como prioridade a recollida de biomasa froito da limpeza dos montes para prover a fabricación de pellets e a xeración de enerxía, dependendo da calidade da materia orgánica. Unha iniciativa imprescindible na que sería inescusable a participación e dirección compartida das Alcaldías. Os alcaldes galegos e os seus equipos de goberno, xunto co persoal técnico, teñen a información catastral sobre as propiedades pero, sobre todo, e o que é máis importante o coñecemento do estado dos montes veciñais, da súa situación, do seu valor… O papel dos alcaldes non pode reducirse a unha chamada do 112 reclamándolle a axuda de motobombas en actuacións heroicas máis aló da prudencia. Os alcaldes están, co seu equipo de goberno, para tutelar sobre o terreo medidas encamiñadas á prevención e para seren escoitados, cando veñen advertindo desde hai anos, da necesidade dun plan integral e integrado de actuación todo o ano sobre o territorio.

Tamén é un clamor entre os enxeñeiros forestais a necesidade inescusable de plantar especies autóctonas con mellor comportamento fronte ao lume, nun chan case que libre de maleza e que, aínda por riba, resultan máis rendibles a longo prazo.

É hora de deixar a esfera das declaracións de intencións. Nace o tempo da xestión, se non queremos reproducir a Historia, a vaga de lumes, ano tras ano. Hai que investir na vertebración do territorio e na posta en valor dos seus recursos. Galiza non pode, non debe chegar a ser un deserto.

© nucho.blogia.com