Etiquetas

, , , , , , , , , ,

Repítese a historia. Din que o ser humano é o único animal que bate dúas veces na mesma pedra. En Galicia somos máis de bater coma os paxaros nos cristais. Sen parar.

IMG_20171016_200825.jpg

Máis de 5.000 persoas ateigaron a praza do Obelisco (A Coruña) o luns 16 de outubro | Foto: Sergio Casal 

Paradóxicamente, un dos poucos berros que, históricamente, nos escoitaron alén dos Ancares, foi aquel afouto Nunca Máis, reactivado cos incendios de 2006 como Lume, Nunca máis. E digo paradóxicamente porque aquí sempre hai máis. Sempre. Está na nosa idiosincrasia que así sexa: Mexan por nós, e temos que dicir que chove, que din por estes lares. Estamos en outubro de 2017 e as pantasmas de 2006 percorren de novo os montes galegos en forma de lapas que devoran, hectárea a hectárea, pedazos do noso ser.

Hai 11 anos os montes galegos arderon, e cos ollos aínda húmidos polas bágoas de impotencia, prometémonos que nunca sucedería de novo sen que puxésemos todos os medios para evitalo. Hoxe, a realidade é que os enfermos de inhumanidade calcinan o monte coa connivencia dun Goberno homicida que, a través da súa incompetencia en materia de política forestal, permite que se faga negocio co solo arrasado polo lume.

A incompetencia política alimenta o lume

Pero o máis sangrante de todo, ademais das perdas materiais e persoais, é o relato que a Xunta de Galicia, a través do seu presidente Alberto Núñez Feijóo, trata de vendernos aos galegos e galegas. Segundo declaracións do mandatario, o despido dos 436 brigadistas contratados na campaña de verán non ten que ver coa situación que estamos a vivir. Disque a culpa é únicamente do clima, dos pirómanos…, e de Portugal! Nada ten que ver que unicamente 800 brigadistas estean contratados durante 12 meses ao ano, que non se lles esixa aos propietarios que limpen as súas terras ou que a prevención en materia de incendios por parte da Xunta sexa practicamente inexistente. Xa en 2011, o por entón Conselleiro de Medio Rural Samuel Juárez xustificaba a falta de axudas públicas para a limpeza do monte alegando que o desbroze «non evita» o lume: «non ten sentido dende o punto de vista económico e medioambiental. O monte arde porque hai alguén que lle prende lume», xustificábase Juárez.

A desinformación con respecto a Galicia

Outro dos problemas que xa poderíamos calificar como endémicos é aquel que se refire á teima dos medios de comunicación en poñer o foco na esquina contraria a noticia. Hoxe, Cataluña ocupou a meirande parte dos editoriais de xornais e radios. Unicamente La Sexta entendeu a noite do domingo, no seu programa El Objetivo, que o país necesitaba saber o que estaba a suceder en Galicia. Por se isto fora pouco, tanto RTVE como TVG, cunha reacción tardía e insuficiente, puxeron de manifesto a súa falta de profesionalidade, privando dun servizo público tan esencial como o da información veraz a millóns de persoas.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Todo isto mestúrase na miña cabeza fabricando un cóctel basado na rabia e na impotencia. Penso que nunca chegarei a entender o que lle pode pasar a unha persoa pola cabeza para prenderlle lume ao monte. E non quero nin imaxinar os intereses económicos que hai tras cada metro queimado. Hoxe sinto de novo vergoña. Vergoña dos medios de comunicación públicos, da Xunta de Galicia e do Goberno de España. Da xente que se dedica a queimar os nosos montes. E dos que se benefician de tal cousa.

Tan so me queda confiar en que xuntos, sexamos capaces de cambiar as cousas. E a resposta cidadá do pasado luns 16 de outubro deixoume claro que o somos. E máis que nunca, a dignidade percorreu ás rúas de toda Galicia ao berro de Lume, nunca máis.