Etiquetas

, , , , , ,

A igualdade de xénero e o apoderamento da muller debatiranse este venres 6 de outubro na Coruña no marco da xornada ‘D-XENERA. Desmontando a desigualdade de xénero’.

Imagen D-XENERA.jpg

  • Promovido por un grupo informal de cinco mozas, o evento enmárcase no programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia e conta co respaldo do concello da Coruña e da Casa Museo Emilia Pardo Bazán
  • A xornada, de entrada libre ata completar aforamento e que terá lugar o 6 de outubro, contará coa autora de ‘No es país para coños’
  • Participarán tamén no evento unha xogadora do F.C Deportivo da Coruña, unha muller especializada en recursos humanos, un avogado, unha docente de xénero e un politólogo

Sensibilizar sobre a igualdade de xénero e o apoderamento da muller é o obxectivo da xornada D-XENERA. Desmontando a desigualdade de xénero, organizada por un grupo informal de mozas galegas no marco do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello da Coruña e a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán. O evento, que terá lugar o 6 de outubro no Centro Cívico da Cidade Vella da Coruña, comezará ás 16:00 horas e prolongarase ata as 20:30 horas.

D_XENERA estará organizada en torno a dous bloques diferenciados de conferencias e mesas de debate. O primeiro deles tratará de situar o tema e desmontar os estereotipos de xénero aínda vixentes na sociedade actual. Para iso, contará coa participación da docente en xénero e violencia María Dolores Ruiz, quen abrirá a xornada, contextualizando a temática. Seguiralle a autora do libro No es país para coños, Diana López Varela, quen exporá a súa visión da situación actual da desigualdade de xénero. Tamén se contará coa presenza da xogadora e pichichi do F.C. Deportivo de La Coruña feminino, Estefanía Pabst, quen dará unha visión realista das dificultades que teñen as mulleres para sobresaír en campos profesionais masculinizados como pode ser o fútbol.

Pola súa banda, a segunda parte da xornada dirixirá o foco ao eido laboral, abordando o tema das mulleres e o liderado. Abrirá este bloque o politólogo e sindicalista de igualdade Adrián Seijas, que tratará o tema da conciliación laboral. A continuación, compartirá a súa experiencia persoal a responsable de administración e recursos humanos de MK Norte, Cristina Vidal, que exporá o seu día a día no mundo laboral con produtores e círculo profesional. Finalmente, para pechar a xornada, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema Lopez abordará as novas masculinidades e trasladará a necesidade de contar cos homes para acadar a igualdade de xénero que a sociedade precisa.

A xornada, de entrada libre ata completar a capacidade da sala, avoga por ser un espazo máis no que deixar patente que “o feminismo non é o contrario de machismo, é dicir, non busca a superioridade das mulleres fronte aos homes, senón a igualdade entrambos. -explican as organizadoras-. É dicir, que tanto no ámbito persoal como no profesional, ambos xéneros sexan igualitarios e así evitar as diferenzas que se establecen en moitos casos por ser home ou muller”.

 

Organización da xornada

A xornada, organizada por Sofía Arangüena, Marta Gil, Estefanía Abelenda, Helena Fernández e Leticia Río, ten como obxectivo facer visible a desigualdade de xénero e concienciar á sociedade da necesidade dun cambio de perspectiva. O proxecto é posible grazas ao programna Iniciativa Xove da Xunta de Galicia e á colaboración do Concello da Coruña e Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.