O outro día atopeime na rúa cun antigo compañeiro de estudos, logo de trinta anos sen vermonos. Díxome que estaba a pasalo moi malamente desque o xubilaron anticipadamente no banco. Non aturaba o asunto ese de pensar, de darlle voltas ás cousas na cabeza. Debutou no bucle e a muller levouno ao psiquiatra. Convideino a unha cunca pero como estaba a tomar antidepresivos e benzodiazepinas non puido beber mais ca auga. Un pouco por curiosidade e un moito por educación pregunteille desde cando empezara a remoer. Foi entón cando me confesou que non lembraba ter pensado nunca en nada. Pola mañá madrugaba para facer unha xornada intensiva que lle permitía ir invariablemente tódalas tardes á Solana, logo dunha comida suculenta e unha sesta reparadora. No clube facía tódolos día as mesmas rotinas do carallo, nos mesmos aparellos, nas mesmas instalacións. De camiño á casa, para cear coa muller, repostaba nunha taberna da praza do humor. A medianoite, o soño vencía á parella fronte ao televisor do dormitorio grazas á función de autoapagado.

O habano de temas dos que podía falar o meu ex compañeiro con ocasión de encontros sociais viña dado polo relatorio do que xa entregaba masticado o xornal, como dogma de fe. Nunca agromara nel a necesidade de porfiar coa realidade dos feitos consumados nin tampouco de pensar nalgunha cousa fora dá constatación, empírica, do lugar que ocupaba non seu universo particular. Agora, a disposición de tempo a esgalla e a falta absoluta de inquietudes enfrontáno a un escenario para él novo, desconcertante. Un reto formidable que pasaba primeiro por vencer o medo a coñecer algo de si mesmo e, por que non, dos demais, dos que estiveran aí, formando parte do teatro do seu mundo e cos que non mantivera mais ca fórmulas de cortesía, baleiras de contido, durante toda a súa vida. Afortunadamente, un aneurisma agravado polo descontrol dás súas emocións librouno para sempre de ter que iniciar unha aprendizaxe, asistida por drogas legais, que lle inspiraba unha preguiza insuperable.