Este venres ás 20 horas celébrase a gala de entrega de premios de “Youtubeiros e Youtubeiras”, unha creación de @IllaBufarda coa iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove e das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. 

Con máis de douscentos participantes, este concurso evidencia que o galego está moi vivo, tamén nos novos soportes. Eu mesmo quixen deixar a miña pegada galega en YouTube. O meu vídeo non é ningunha obra de arte. Non ten unha mensaxe descoñecida. A peza non é máis que o berro desgarrado dunha lingua que loita por non desaparecer. Que chora ao ver como é a propia xuventude galega a que a soterra e a ten por inferior. Este é o vídeo, que non é finalista, pero con algo (bastante) de sorte, ata lle pode caer unha mención honorífica.

Pero se hai unha razón para se desprazar este venres a Ourense, esa razón é ELA. Porque Nuria Espasandín, que tamén motivou e participou do meu vídeo, é unha das tres finalistas na categoría “videopinarmos”. “Esquezamos o soporte” é unha verdade silenciosa. Unha mensaxe que expresa a liberdade de millóns de persoas na voz dunha que se confesa humana. Con todas as súas inseguridades e medos. Cos seus sentimentos cruzados a respecto de quen a rodea e xulga nun debate superficial. Un relato da futilidade dos prexuízos humanos.

 

Así que alí estaremos, apoiando a Nuria nunha festa para os xeradores de contido en galego. ¡Moita sorte!