Ou sobre o uso perverso da linguaxe política

Rajoy só concede entrevistas a medios estranxeiros. A primeira entrevista concedida polo que fora fillo predilecto de Pontevedra, o presidente Rajoy, é concedida ao Wall Street Journal. É un exemplo que fala da consideración que lle merece a sociedade española e, sobre todo, unha manifestación máis da súa “habilidade” para protexerse dos focos de tensión. O seu instinto de protección levouno a poñerlle un despacho a Soraya en Barcelona namentres el segue a trotar ceibe pola Moncloa.

Nese medio compórtase cunha deslealdade cara os novos partidos que representan a pluralidade que conmove o presunto prestixio da democracia española. O PP ten experiencia nisto: Aznar tildara de pedigüeño a González cando fora a negociar os fondos estructuráis nun cumio europeo. Na entrevista alerta contra o perigo que entraña o populismo e as forzas anti-sistema, equiparando a Podemos coas formacións políticas nacidas na crise dos anos trinta do século pasado.

É o discurso trampulleiro da dereita neoliberal, que si está máis preto de aqueles presupostos ideolóxicos do nacionalsocialismo, entre outros: peche de fronteiras aos que buscan asilo político -ou escapan da fame e da guerra, sen máis- e falla de diálogo coa diversidade e coa expresión plurinacional. Un filólogo diría que Populismo e dicirlle á xente o que quere ouvir para recibir o seu apoio, sabendo que non se vai a levar a cabo o prometido no discurso, que é mentira. Desde este punto de vista, o Partido Popular fixo un exercicio de populismo modélico nestas dúas lexislaturas.

Pero é que, por riba, Podemos non está en contra das regras democráticas do Estado, senón e “só” das violacións desas regras por parte de quen ostenta o poder, dinamitando dereitos fundamentais dos cidadáns e protexendo con aforamentos a representantes do pobo collidos coas mans na masa. Ten collóns que o Presidente do Partido encausado por una batería interminable de actuacións fora da lei non só non teña dimitido senón que ademais sinale internacionalmente a Podemos como o xerme de tódolos males, por levar no seu programa, entre outros obxectivos:

  • acollemento de refuxiados dentro dunha política comunitaria compartida

  • políticas fiscais redistributivas da riqueza

  • cambios nos tipos impositivos aplicados ás Grandes Sociedades e aos máis ricos

  • protección fronte aos recortes en Sanidade e Educación

  • tratamento diferencial aos autónomos para que tributen só proporcionalmente aos beneficios obtidos

  • eliminación da figura do aforamento

  • supresión de Administracións duplicadas

  • equiparación salarial entre homes e mulleres nos mesmos postos de traballo

  • mellora do sistema becario e residencial para permitir o acceso a estudos superiores universal

  • impulso ás renovables, supresión das trabas e impostos “ao sol e o vento”, eliminación progresiva da dependencia do petróleo, as nucleares e a queima de carbón.

  • Conciliación traballo-familia: creación de escolas 0-6 e centros de lecer, racionalización dos horarios, potenciación da utilización de espazos deportivos-recreativos, etc, etc, etc

Pero Rajoy, ao tempo que demoniza a Podemos no extranxeiro, ou mesmo declara que o de Italia e “un gran lío increíble”, non ousa, sen embargo, cualificar de populista a Donald Trump, de quen di: “debe ser juzgado por lo que haga y no por lo que haya dicho hasta ahora”. Nise caso, semella, non importa, xa que logo, o modelo de mensaxe co que gañou as eleccións.

Dáme noxo non só o maniqueísmo, a linguaxe torticeira neste caso, senón tamén o complexo de inferioridade dos españois respecto do Tío Sam que ven do século XIX e continúa hoxe coa mesma forza mesmo en quen nos goberna, pensando sempre en que non estornuden para non arrefriármonos.

descarga