Etiquetas

, ,

O imperio ianqui sempre ten imposto os seus intereses actuando con instrumentos de traizón, servizos de intelixencia, a través de tácticas baseadas na mentira que aseguran o espolio que segue a unha actuación abusona da forza.

A CÍA preparando a exércitos locais e somaténs, e se era preciso o U.S. Army facilitaban o camiño para que logo desembarcaran os grandes monopolios froiteiros, de bebidas, petroleiras, mineralísticas… a explotar os grandes recursos en areas xeográficas nas que era preciso exterminar á poboación indíxena mediante instrumentos locais: ditadores impostos con aporte de armas tralo derrocamento sanguinario de líderes elixidos nas urnas.

O conto ven de moi lonxe. No caso de Cuba, os EE.UU. afundiron a un dos seus buques emblemáticos para teren o pretexto de declararlle a guerra a España e apropiarse da illa, que converteron na eira onde a cara obscena dos oligopolios, as franquicias do xogo e o lenocinio facían fortuna mentres as xentes do país certificaban o seu status de ancoraxe na escravitude e na trata.

Os proxectos imperialistas progresaron en Chile, Uruguai, Paraguai, Ecuador, El Salvador, Guatemala, Honduras, Nicaragua, Panamá… mesmo, con distintos mecanismos de inxerencia, en Arxentina, Venezuela e Colombia. Ás veces era dabondo alimentar ó exército golpista e outras cumpría manter a grupos paramilitares, sanguinarios na eliminación dos irmás de raza que obstaculizaban a percepción das comisións.

U.S.A., tendendo mangueiras de succión en toda América Latina, facendo da guerra o alimento da súa industria para asegurar a calidade de vida, o estado de benestar e o despilfarro enerxético da súa voraz poboación consumidora allea, intramuros, a tódalas traxedias fora das súas fronteiras.

Ninguén nega que para que triunfara a independencia de Cuba do xigante abafante foi preciso sacrificar certas cousas. Mesmo Fidel Castro ten recoñecido que pagaron algúns homes xustos o pecado dos imperialistas. Mais era preciso para o establecemento dun modelo de país oposto frontalmente ao imperialismo escravizante, portador de explotación, incultura e morte. De feito, tamén en certas unidades de actuación urbanística hai quen perde o seu pedazo de terra para ceder diante da utilidade pública. Agora ben, namentres Rajoy esgrime os logros macroeconómicos como patente de éxito obviando a fenda entre ricos e pobres e a realidade dun crecemento sostido da poboación en estado de exclusión, Cuba pode fundamentar na defensa do acceso universal á comida, o vestido, a educación e a sanidade o sacrificio de outros parámetros tamén desexables pero inalcanzables nunha situación de bloqueo miserento.

A Historia repítese: os galegos que emigran a Suíza ou Arxentina por mor das políticas defensoras dos intereses dos ricos oligárquicos votan á dereita. Asemade, os cubanos que subiron a unha balsa escapando dun escenario que non enchía tódalas súas arelas por mor da presión imperialista e do afán revanchista dos grandes empresarios ianquis, defenden paradoxalmente en Miami ao Stablishment que non cesa no seu empeño de dobregar, unha vez máis, a un país latinoamericano.

Os doce homes de entre oitenta e oito que sobreviviron nas primeiras horas tralo desembarco do Granma en Cuba, tiñan formación vasta e, sobre todo, ousadía para iniciar un camiño no que eran imprescindibles as ansias do poboación na elección dun futuro compartido fora das garras da explotación. Sen esa determinación, non se podería comprender o triunfo pola vía rápida da Revolución. Foi logo deste, ben máis tarde, cando ao rebufo da Guerra Fría, a illa acadaría protección fronte a unha invasión dos ianquis que, doutro xeito, sería segura.

Pero co paso dos anos Cuba tería de valerse en por si, soportando o estrangulamento dos ianquis. Nese contexto tantas veces condenado na sede da ONU, mellor farían os críticos coa Revolución loitando porque os EE.UU. abandonaran ese xogo maquiavélico, ese exercicio de prepotencia que levan desenvolvendo ao longo da súa Historia, como ben veñen demostrando as sucesivas desclasificacións dos seus informes con segredos de Estado.

Mellor farían os irmáns de Miami críticos coa Revolución mandando alento e axuda material como si teñen feito tantos galegos de ben en forma de libros, xoguetes, leite, medicinas… Trátase de deixar en evidencia a linguaxe retorcida dos líderes republicanos en USA (e dos seus correlixionarios “liberais” en Europa), que falan de liberdade namentres seguen a alimentar xenocidios e manteñen en Guantánamo a cento vinte presos, torturados, sen cargos, moitos deles collidos ao azar nos mercados de Kabul como chibos expiatorios dunha desfeita que iniciara o Goberno dos EE.UU. por razóns xeoestratéxicas.

Cuba foi e é a pedra no zapato do Tío Sam. Un pulso de dignidade dun pobo heroico fronte ao xerme, fronte á expresión viva da maldade.

hundimiento del Maine

                                                     Hundimiento del Maine. La Habana, 1898