Etiquetas

, , , ,

“España es un gran país poblado por muchos españoles”.

Esta loubanza repetida como un mantra por Rajoy agocha o interese por adular o estado actual dun pobo que, sen embargo, da pasos de xigante cara á falla de compromiso, á incultura, a desinformación que promove a información corrupta.

O grao de democratización dun país é directamente proporcional co do seu acceso á Cultura e o seu proceso de desenvolvemento do xuízo crítico para discriminar o tipo de información que recibe. Así, podemos afirmar que once millóns de cubanos son probes pero non coñecen a miseria namentres vintecinco millóns de españois que gozan de plenitude están de feito instalados na miseria moral que conduce ao pais á involución e a parálise da democracia.

O PSOE, a pretendida reserva dos mellores valores de solidariedade e xustiza social, elexíu pactar cunha formación de dereitas, que ten como miolo troncal a demonización de todo o periférico e diverso, antes que coa esquerda xurdida do descontento e a rabia fronte ás políticas de Raxoi que perseguen o éxito macroeconómico -que non é tal- por riba do benestar dos cidadáns tomados de un en un. O PSOE non contemplou a posibilidade de negociar cos partidos nacionalistas Basco e Catalán cos que viñera chamando a dialogar para non avivar o independentismo (reproche a Rajoy). De feito, o PSOE elexiu a Podemos como diana das súas críticas para acusalo de bloqueo, sen facer autocrítica sobre o seu xiro á dereita que o ten levado a perder o espazo de centro esquerda que o tiña conducido, en distintos momentos da Historia, a posicións de Goberno.

Durante todos estes meses o Segredario xeral do PSOE ten escoitado de máis aos baróns. Os ruídos de sables en torno a Ferraz, encarnados na figura de Susana Díaz, a protexida e cabalo de Troia das vacas sagradas que permanecen no partido defendendo os mesmos presupostos ideolóxicos que abraza o PP, as tensións no seno de esas matrioskas de baronías que agochan á sultana andaluza e un líder feble e nada respectado na súa propia casa propiciaron que saíra á luz un mal que, de certo, aniña no Partido dende que, durante a segunda lexislatura de González -que acadou ao Poder porque Suárez xa non era interesante para a oligarquía- se traizoara o espírito refundacional de Suresnes, coa escisión do partido entre felipistas e guerristas, entre a tecnocracia con fame de poder acumulada nos anos de clandestinidade e o idealismo utópico que non era máis ca un disfrace para domesticar á gleba co apoio subsidiario dun sindicalismo amarelo. Porque ámbolos dous bandos atoparon puntos de encontro na corrupción agromada unha vez establecidas relacións de confianza e de acceso restrinxido coa Caixa Común.

Ao longo da Historia, pois, as grandes tensións xurdidas dentro da BICEFALIA, resoltas non poucas veces sen o respecto debido aos estatutos e á militancia -Hernández Mancha, Borrell, Sánchez– constitúen a crónica dun problema, o da corrupción institucionalizada da clase política con responsabilidades de goberno, á que os cidadáns seguen a renovar o seu apoio nas furnas mentres abominan dela nas tabernas, nas barberías, nos mercados… Mentres tanto, outras vías son rexeitadas denantes de concederlles unha oportunidade. Tal é a forza da propaganda nas mans dos medios “amigos”. Tal é a forza da infusión do medo.

 

guerra-gonzalez_tinima20141218_1057_19

©www.teinteresa.es