O candidato de partido máis votado, o Presidente en funcións, leva camiño de ser políglota; non fala galego nin inglés pero si guanche e, se fora preciso, tamén sería quen de chapurrear en eusquera. O emérito, o íclito das Azores, que odia eternamente toda expresión dos países da periferia, chegou a declarar que falaba catalán na intimidade e a mirar para outro lado cando Pujol o levaba crú.

Os galegos sabemos ben que o que ten o anaquiño da finca que completa o terreo para levar adiante unha unidade de actuación sabe sacar réditos da súa imprescindibilidade e, tradicionalmente, acada unha valoración moi mellorada por metro cadrado, se logra evitar a expropiación forzosa. En Aranga unha vella supostamente analfabeta obtivo corenta mil euros por cada metro da suá parceliña de 280, que lle facían falta a unha multinacional para completar a pilotaxe dunha neve loxística inmensa. No Oeste a vella aparecería baleada ao mencer vitima do colt 45 dun sicario.

Rajoy, desde a doble condición de galego e rexistrador da propiedade, non é alleo á ambición do que, ainda tendo un aval reducido de votos, posúe a chave para acceder a un goberno en maioría. Chegados a este punto, é inútil sacar peito por seren o Partido hexemónico. É a hora de escoitar ás minorías e contentalas porque coa súa adhesión, e só con ela, é posible disfrutar da tarta outro cuatrienio.

¿Qué non estará disposto Rajoy a ofrecerlle a canarios e bascos para seguir practicando o camiñar bulindo polos xardíns da Moncloa mentres Viri fai cocretas con pementos de Padrom. É chegada a hora de facerlle as beiras e impostar sen mesura a simpatía por moitas da premisas de Cidadáns, que pola súa banda poden trocar a vía da desaparición –similar á derrota da UPD- pola confirmación in extremis da súa utilidade no espectro do conservadurismo do que nunca renegaron.

Por iso Rajoy non chama de primeiras a Sánchez; quere evitar transmitir a imaxe de que precisa do seu concurso e, de paso, ningunear a súa importancia no mapa político por vir. O único favor que Rajoy agarda do PSOE e que siga a ser o que lidera a Oposición para así frear o ascenso das forzas que daban unha canle ao descontento da vítimas da súa política Neoliberal. E iso, sementando medo e mentiras, xa o teñen logrado.