Etiquetas

,

Un día no entorno da Ría da Pasaxe.

Crónica da capacidade destrutiva do home

O comezo das vacacións de verán marcaba o reencontro coa liberdade. O tempo dilatábase no intre en que collíamos as bicicletas e un bocadillo para enfilar cara a Santa Cristina.

Corrían os anos sesenta, marcados polo despegue do desenvolvemento industrial e urbanístico descontrolados. Nese contexto de pretendido tránsito á modernidade as decisións políticas acertadas ían mesturarse coas máis nefastas, froito do amiguismo, o enchufismo e o tráfico de influencias. Mais a plenitude da natureza, a configuración das dunas e os areais e a riqueza da fauna mariña aínda facían de aquel lugar un fervedoiro de vida. A ría era o sustento dun milleiro de familias que sementaban para recoller sen sobresaltos ameixas, berberechos e ostras. Ademais, a riqueza microbiolóxica atraía a nécoras, pateiros e camaróns. Era tal a abundancia que había unha lei non escrita pola cal os rapaces podiamos apañar unhas presas de berberechos para acompañar co pan da merenda sen amolar a ninguén.

Os primeiros bicos que recordo levaban aquel sabor salgado que xa ía permanecer para sempre na memoria. Os primeiros xogos inocentes, as caricias roubadas debaixo das gamelas, refuxios improvisados fronte ás tormentas repentinas do verán. Ao solpor as garzas viñan procurando refuxio no fondo da Ría e nós atopabamos nos baños de última hora os folgos para retomar o camiño de volta, impregnados da quietude e da vitalidade que nos daba aquel paraíso.

Pero todo aquilo que a nai natureza construíra desde a noite dos tempos foi rachándose en tan só uns anos pola cobiza do home. Instaláronse fábricas e industrias que verquían os seus velenos ao pé da ría. Os restos da actividade humana tamén atoparon un destino máis barato no curto prazo desaugando por trescentos sumidoiros de Cambre, Oleiros, Culleredo e A Coruña. Fármacos e residuos químicos da Cidade Sanitaria eran arroxados a unha porción mansa do mar coa mentalidade de que podía con todo. Ata que a ría dixo: ¡xa e dabondo!. O fitoplancton diminuíu alarmantemente, nos parques e bancos marisqueiros as crías non progresaban e o pouco marisco que alcanzaba o tamaño de adulto presentaba concentracións de colibacilos que só unha Administración interesada podía validar.

As actividades fabrís ían aportando metais pesados altamente canceríxenos ao auga para logo ir depositándose nos lodos do leito. A presión dunha poboación en aumento acadou dimensións case que apocalípticas durante tres décadas no fondo da ría co establecemento de cidades dormitorio que verquían os seus refugallos nas mesmas augas das que pretendía extraerse babosa de calidade suprema.

Na apertura da ría empezaba a construírse un barrio populoso e vertical e a ocupación do terreo non quería distinguir entre espazos públicos e privados. Para pechar este panorama tráxico, a construción do dique de abrigo “Barrié de la Maza” en A Coruña provocou unha reversión nas correntes de entrada á Ría, que se viu inundada por sucesivos aportes extraordinarios de area, con efectos perversos sobre os xa moribundos parques marisqueiros e sobre o complexo de dunas, do que sobrevive unha expresión mínima.

Para completar este cadro dantesco cumpre apuntar á acción dos furtivos que esquilman a semente a diario e mesmo en tempos de veda. Moitos deles forman parte da esfera de marxinación que atopa na complicidade dalgúns hostaleiros a mitigación da súa fame e a condena á pobreza dos que queren vivir dentro da lei.

Mais algo está a mudar nos últimos tempos. Un movemento popular nado na década dos setenta en torno á defensa da ría que marcara aquela nosa infancia e adolescencia ten conformado o esqueleto a unha proposta política que se consolidou democráticamente na construción dun xeito alternativo de facer política e que ten entre os seus principios fundamentais a defensa do patrimonio natural. A súa perseveranza a pesares das moitas dificultades que no seu camiño puña a presión inmobiliaria foi quen de preservar a integridade da Costa, desde Lorbé e Dexo ata a ría da Pasaxe, e de respectar o mantemento das canles dos ríos e a consolidación das masas boscosas no entorno das urbanizacións humanizadas.

Tratábase de loitar contra o reloxo para reverter a condena a morte que o desenvolvemento sen planificación e indiscriminado ditara contra a Ría. Puxéronse cimentos pouco espectaculares mais indispensables coa extensión das redes de saneamento universais. Onde se proxectara levantar torres de vivendas e hoteis alfombrouse con zonas verdes e paseos. Ademais, aquel seguía a ser no noso imaxinario individual e colectivo o lugar para o encontro e o reencontro, para o amor, para a aventura, para a vivencia do tempo pasado en familia e tamén para o paseo calmado dos que, de volta á casa, querían poñer en paz o seu corazón canso.

Agora, despois da constatación da capacidade de auto-destrución de seres humanos con visión egoísta chega o tempo de devolverlle á Ría da Pasaxe o que é seu: a súa riqueza natural, a capacidade dos seus recursos paraservir de sostén a centos de familias do tecido productivo e do hostaleiro. E tempo de retirar os lodos produto da acción do home, de re-sementar, de seguir a profundar no que é preciso facer para que o océano actúe como o elemento rexenerador de vida que sempre foi, máis ainda cando xa se teñen construído os contradiques no embarcadoiro.

E tempo de concitar a actuación de todos os concellos implicados desde unha óptica mancomunada, propia dunha mentalidade metropolitana e superando as visións atomizadas que teñen aloxado ao pobo galego no medievalismo e na dexación reivindicativa fronte a un Goberno Central que privilexiou os intereses das industrias químicas, celulósicas, madereiras…verquendo directamente os tóxicos nas augas que alimentban os bancos marisqueiros como un xeito de aforrar en estructuras de eliminación e depuración biolóxica e así engordar as contas de resultados mentres os sementadores da ría ían perdendo o seu pan.

A visión da nosa Ría da Pasaxe como un pedazo do paraíso non é anacrónica nin irreal. O que teñen de estar superados na concepción dunha sociedade moderna o pasotismo fronte á descomposición do medio no que vivimos, a inacción fronte á degradación, o esquilmado de recursos fora de toda regulación. A aposta pola implantación das renovables ata a súa consolidación como método case que exclusivo para a obtención de enerxía nun prazo de vinte anos e tan real como a sociedade civil, desde a forza da súa concienciación, queira.

A nosa ría ten de volver a ser ese viveiro de empregos sostibles para centos de familias, ese lugar de repouso, paixóns e vivencias das distintas etapas nas nosas vidas, ese refuxio para as aves que buscan nela unha estación de paso á que volven con fidelidade ano tras ano. A ría da Pasaxe está no canto de comprometer a viaxe de volta ao seu papel de lugar que queremos para vivir, un marco de convivencia, de coexistencia co resto de protagonistas e axentes nun territorio privilexiado ou, pola contra, perpetuar a súa condición de fangal. Algún Concello leva facendo os deberes desde hai anos coa universalización dos saneamentos e a persecución dos verquidos. Pero a solución ten que chegar desde o enfoque metropolitano , sen fisuras por motivos de sectarismo político á hora de esixir medidas concretas ao Estado e á Xunta. A Coruña, As Mareas teñen que dar o paso adiante que nin Vázquez, Losada e Negreira deron. E a hora de materializar a ideoloxía.