Etiquetas

, , , , , , , , , , , , , ,

Carta aberta ao voceiro do PP no Congreso dos Deputados:

Moi prezado señor voceiro:

“Angruás” (parroquia francesa afincada na área de influencia compostelá) non esquece. Galicia, señor meu, tampouco. E hoxe vostede falou gratis. Desde a atalaia centralista que lle outorga a súa cadeira de señorito en Madrid. Pensando que non hai nada máis. E certamente debeu pensar que ao oeste dos Ancares somos parvos e non nos chega o que se fala na capital do reino. Trabucouse.

Iso que chama “Angruás”, señor Hernando, foi testemuña dunha traxedia que quedará marcada en vermello no máis fondo do corazón do pobo galego. Para sempre. Nunha véspera sinalada. A do Apóstolo. Unha festa até ese maldito 2013 que cada 24 nos lembra como unha espiña que parte de Nós se foi nesa curva. Para sempre. Nun día en que o negro se misturou coas cores do País. E choramos.

Vostede, señor Hernando, non só non coñece nin comparte a dor das familias de preto e de lonxe, senón que o despreza. Non comprende que, ademáis de a Galicia, o problema do Alvia 04155 afecta a moitas persoas doutras zonas de España. E é un problema que se repite. Porque Angrois tamén é o accidente do Metro de Valencia. É o voo de Spanair. É o Yak 42. Porque en “Angruás”, señor Hernando, non houbo depuración de responsabilidades. Persoas que hoxe teñen postos de importancia no seu Goberno en funcións teñen as MANS MANCHADAS DE SANGUE. Falaría de presunción, pero as probas son máis que concluíntes.

E así e todo, alégrome de algo. Alégrome de que se abra por fin un fío de esperanza para todas as persoas ás que o Goberno de Feijóo humillou con aquel acto de entrega de medallas vergoñento. Non podo máis que celebrar a reapertura do debate para a comisión de investigación polo accidente do Alvia 04155, coa esperanza de que, por fin, se faga Xustiza. Pero ao mesmo tempo sinto pena, pena e tristeza por saber que xente como vostede está ao cargo do Goberno. Xente sen sensibilidade. Nótase cando unha persoa fala sen saber, e hoxe, señor Hernando, vostede saiu falar sen saber. Non sei que asesor lle deixou facelo, pero sen dúbida, e por respeto a toda a xente á que hoxe faltou, ten vostede que dimitir. E non é tan só unha cuestión política, senón tamén ética. Ten que dimitir agora mesmo por menosprezar a dignidade de todas as familias que quedaron quebradas pola prevaricación de técnicos e responsables políticos que quixeron dar o campanazo cunha chapuza feita ás carreiras para gañar eleccións.

Que se pode esperar da mesma persoa que dixo aquilo de que as vítimas do franquismo só se queixan para obter subvencións. Se hai en todo esto algunha actitude miserable, señor Hernando, é a súa. Non teña a minima sombra de dúbida. Como non debería tela de que o pobo de Galicia non vai esquecer as súas palabras. Non o faremos. Nin deixaremos de pedir Verdade, Xustiza e Depuración de responsabilidades.

 

SE LLE QUEDA ALGO DE DIGNIDADE, SEÑOR RAFAEL HERNANDO, DIMITA XA.

.