Etiquetas

,

 

Rajoy, tan amigo das touradas, encarnou na súa propia personalidade e xa desde o seu ingreso na cousa pública a figura e funcións propias de D. Tancredo nas prazas. Todas as súas estratexias resúmense nunha: non facer nada… non tomar decisións, non facer declaracións, deixar que pase a tormenta, non dar un paso adiante nin pronunciarse, ir ao rebufo dos socios na Unión, chupando a roda adecuada.

Rajoy presume de estar na vangarda a respecto da sensibilidade coa emigración. De seguido, sempre distingue entre os “refuxiados” na procura dunha mellora na súa situación económica e aqueles outros que buscan protección. [“Conviene tener las cosas muy claras y no tomar decisiones a tontas y a locas”].

Millóns de sirios a fuxir das bombas e o pontevedrés prudente, que non tivo tempo, entre outras cousas, para interesarse por qué morreron corenta e tres valencianos e corenta e sete quedaron mancados no “accidente” do Metro que levou a imputar á cúpula do goberno autonómico, segue a distraerse co Marca e as touradas.

O dilecto rexistrador da propiedade, cunha empresa de presuntas prácticas monopolísticas en contra da libre competencia, fai referencia ao DIÁLOGO como esa nova moda, ese mantra que se lle meteu nos cornos ao resto das formacións políticas. E non é estraño que o traizoe o subconsciente, posto que ven gobernando con decretos Lei.

Refírese a España como país de acollida: 18 sirios ate o momento. Traslada a Grecia a responsabilidade do control sobre se Turquía é un país seguro. Alude a Junker como líder na defensa dos dereitos humanos cando foi probado que é un delincuente que chegou mesmo a practicar dumping en contra dos intereses da unión europea que agora lle dá de mamar. Por iso non presiona a Cañete, que se atopa na mesma tesitura de ocultación de patrimonio en empresas opacas en Panamá, a nome da muller.

Insiste don Tancredo en que España é un gran país cando a renda per cápita baixou a niveis de hai 15 anos na súa lexislatura. Insiste en pedir perdón polos seus erros, porque ninguén é perfecto. É inmune fronte ao custo da corrupción. Non é responsable de nada: nin de mentir, nin de cobrar sobres, nin de apoiar a gobernos corruptos en Valencia, Madrid… na sede do seu partido. Só é un home como os demais que comete erros e pide perdón por iso.

E agora dispara contra quen quere saber, cospe contra o xornalista que lle fai preguntas incómodas, mata ao mensaxeiro, acúsao de negativismo. Porque, para a súa concepción, o estado de benestar refírese ao das grandes empresas. Ten que ver cos seus balances macroeconómicos e non coa calidade de vida dos cidadáns tomados de un en un.

Don Tancredo, que se ten mantido inmóbil ainda nas situacións que requerían un pronunciamento máis aló do plasma, síntese agora capaz de facer que España siga sendo unha gran nación, aínda que para iso haxa que retrotraer aos cidadáns a situacións medievais, ademais de varrer a 8 millóns máis baixo as alfombras.

O seu manexo das cifras conta cun aliado poderoso: a pasividade, cando non a ignorancia da xente. Fala de salvar ao país da bancarrota cando a realidade é que elevou o déficit ata cotas que auguran insolvencia certa, mentres segue sen abordar unha reforma fiscal progresista, mentres ata os privilexios das grandes sociedades e inxecta a fondo perdido diñeiro á banca. É capaz de manter que soben as pensións -¡tres euros ao mes!- cando o custo dos produtos básicos, que non dos bens de equipo, non deixa de crecer-.

É quen de presentarse como un xestor experimentado, inimigo das aventuras populistas, cando o certo é que nunca lle escoitamos unha idea concreta sobre medidas para reactivar a economía.

Non é moi de fiar un home que defende a súa condición de cidadán exemplar na súa vida por protexer a 250 traballadores de ENCE desprezando os 5.000 postos de traballo perdidos no sector marisqueiro e acuícola nunha ría de riqueza luxuriosa e que hoxe é un fangal de mercurio e cadmio.

Toda a venda de fume no mellor estilo fraguista que leva a cabo contradise coa realidade dun aparello burocrático e ideolóxico que pon trampas aos pequenos emprendedores, á aposta pola suficiencia enerxética, á simplificación de esixencias e de taxas para o alta de novas patentes.

Padecemos un clima de cargas impositivas disuasorias para o emprendemento, co argumento, desde a Facenda Pública, que presupón suposición de que os autónomos fan todos trampas, mentres o escenario para os monopolios e as SICAV converte ao país, de facto, nun paraíso para a oligarquía.

E agora, ademais, gobernan sen estar suxeitos a ningún control.

Verémolos algún día sentados fronte a un Tribunal?

 

images

© La República (larepublica.com)