Non se distingue ben onde acaba a terra firme e onde empeza o precipicio. A pesares dos halóxenos, a terra é toda parda cando empezamos a moldeala antes de que saia o sol. O obxectivo primordial chega a ser non morrer. Se desnivelas o lagarto, se pisas unha bolsa de aire, rematas esmagado por corenta toneladas de barro e un amasillo de ferros.

Fora da cabina a treboada ameaza con deixarnos cravados. Dentro, a camiseta empapada en suor sobra, coa calor que bota o motor de catrocentos cincuenta cabalos ruxindo no medio da garita na que se desenvolve a meirande parte da vida.

Mañá cambio de destino. Veñen catar a dureza do firme. Toca pisón catorce horas, de arriba para abaixo, e tamén facendo os bordes imprecisos aínda sobre os barrancos, ate que o xabre compacte. Monotonía dos 114 decibelios. Monotonía do camiño repetido cen veces, sen protección ningunha; os cascos non permitirían escoitar as ordes do capataz. Hai unha parada de corenta minutos, para comer á carreira, denantes de embocar unha tarde de cuxo fin no sabemos nada. Boto en falta a compañía dos fillos. Pero toca de novo pisar os malditos bordos sobre os barrancos que dan seo ás torrenteiras. É difícil facelo se bebiches. O pisón de corenta toneladas ten unha inercia brutal se chega a deslizarse. O meu antecesor morrera aplastado pola roda, unha tarde de Marzo en que tomara chupitos coa faria de Xixón, antes de que perdera a coordinación e a alerta.

Por tanto, cando saímos en liberdade condicional ao cabo de trece horas, aparte da ansia por coller a cama para poder sobrevivir a outro día semellante, o noso primeiro impulso é o de distraérmonos antes de compartir unha hora última coa familia, repartida entre o aseo, a cea e as despedidas.

Eu, sen embargo, teño un recurso extra para a distracción. Invariablemente, paro en Casa Freire, camiño a casa, ao pé da estrada. Xa non abondan os sitios nos que degustar unha cunca grande de tinto coa súa tapa por sesenta céntimos. Freire é un deses sitios. E ademais podes ler tódolos xornais. Durante media hora son o home máis feliz do mundo. Enfráscome nas páxina de opinión. Os dilectos plumillas, case que todos homes e moitos deles persoas destacadas noutros eidos distintos aos do periodismo -literatos de medio pelo, catedráticos eméritos e profesores de a dúas clases por semana, políticos defenestrados, analistas¿?- contan as súas peripecias persoais tentando construir unha mitomanía acerca deles, falan das súas comidas con persoas influintes en restaurantes “Michelín”, para tomar decisións que han ser chaves no decurso da Historia; comentan as súas viaxes a cidades recónditas sinalando fitos xeográficos, gastronómicos ou culturais cun ar de normalidade impostada para marcar diferencias coa gleba: aqueles langostinos flameados que serven no “Green Fish” a corón do río, en Bangkok, ou o bo ambiente que segue a reinar no Balloom Café, en Filadelfía, segundo saes da Estación central e denantes de coller o metro a Medicine Sreet. Algún deses moinantes que reivindican o papel das cidades Estado por riba do localismo aldeán de provincias e renegan das súas orixes chegan a comentar a súa participación relevante -que, por certo, pasou desapercibida aos historiadores e ao resto dos mortais- en decisións de Estado e presumen da súa experiencia na loita polas liberdades noutro tempo , o que lles da patente para situarse hoxe nas cabeceiras de opinión e nos cenáculos mediáticos por cuxa prestación mensual matan por riba do ben e do mal. Denostan, patriarcais e superiores, toda enerxía emerxente reivindicativa por estar fora das canles politicamente correctas que levan a trepar e consolidarse no bunker da partitocracia constitucionalista; porque a Constitución e esgrimida e utilizada non para facilitar a evolución no modelo da nosa convivencia senón para blindar os privilexios dos favorecidos pola burocracia centralista ancorada en posicións inmobilistas e contrarias ao diálogo e á revisión do que foi feito, con moito mérito para a época, pola herdanza franquista. Os dilectos creadores de opinión, os gurús provincianos en toda a prensa amarela do país e que colgan nos pasillos das súas casas os artigos, enmarcados, cando atopan un lugar nos Xornais da Vila e Corte, aluden á diverxencia activista como aventureiros populistas con raíces ideolóxicas en lugares remotos, obviando que os lobbies teñen nomes ben definidos no país e no medio mesmo que amamanta os seus artigos polos que van recibir recoñecemento da oficialía tegumentosa e pletórica que alimenta os seus bandullos a base de aplicarse ungüentos uns a outros nun círculo pechado para todos os que tenten adentrarse coa inocencia de que outra realidade é posible.

Pido outra cunca en Casa Freire, aceso pola emoción. Non hai nesas liñas de columnistas egrexios, que tamén son tertulianos e especialistas en todo, atisbo ningún da intrahistoria que mantén na depresión a dez millóns de españois e no medo a outros quince. A sociedade real dos nosos barrios, os problemas dos autónomos perpetuados á marxe das promesas electorais, o abuso sobre a clase traballadora, sobre os becarios, a precariedade, o incumprimento da Lei en materia de seguridade e de horarios, as contratacións por horas a enfermeiras, médicos e ATS, a ataque de facto e a marxinación laboral polo feito de ser nai, a presión sobre os escolares en idades temperás, a cronificación da fame, a incapacidade para acceder a certos medicamentos e tratamentos…

Namentres os rabos da xiba se deslizan pola miña gorxa tapizada pola terceira cunca de tinto celestial de barril, os meus ollos percorren nomes que me fan esquecer a lama, o xabre e a vexiga estalando no ámbito pechado da cabina onde paso case toda a vida cando estou esperto: Nietzsche, Kierkegaard, Voltaire, Malthus, Henri-Lévy, Keynes, Galbraith…

 

 

 

¡Foro de la nueva comunicación!

images