Etiquetas

Corría o ano 1997 cando a clase política dos especuladores que querían edificar moles en toda a liña da costa e mesmo formigonar o Seixo Branco utilizaron un cabalo de Troia para tentar desaloxar do poder a formación contraria aos seus intereses e defensora dos veciñais.

Foi un niño de ratas, un cúmulo de pedras e inmundicia, un foco infecto no medio da praia daquela máis concorrida en todo o area metropolitana -que con anterioridade Alternativa dos veciños salvara dunha privatización ignominiosa- o cebo elixido para desarticular o novo xeito de facer política. A estratexia do PP consistía en apoiarse nunha xudicatura maridada cos seus intereses espurios pretextando a presunta defensa dos dereitos do propietario daquel foco de infección que viña desatendendo sistematicamente o mandato de Costas para que retirara aquel galpón semiderruido, monumento á provocación. O alcalde pagou a defensa da saúde pública e do benestar e dereitos dos veciños con seis anos de inhabilitación. Mais volveu coas forzas de sempre.

Como esa estratexia non dera os resultados apetecidos, os sucesivos equipos do PP no Concello orquestraron campañas de difamacións, calumnias, acusacións de cobros de comisións, negocios ocultos millonarios, enriquecemento ilícito, tenencia de multipropiedades sen xustificar -todas elas herdadas dos seus pais; tamén a que ten cedido para a implantación de invernadoiros municipais-. Mesmo tentaron a inhabilitación de novo utilizando a súa casa como un novo cabalo de Troya. Invadía 30 cms. a liña de protección da Costa por tela construído onde lle tiñan indicado os Técnicos da Xunta. Sufriu o erro dos técnicos vendo como lle movían de sitio os piares e como as acusacións de trato de favor á súa persoa atopaban grandes espazos na prensa aliada do PP nos procesos electorais. Deste asunto e dos anteriores saliu absolto o alcalde, pero o eco na prensa para os desmentidos de rigor foi de novo a mención marxinal nun recuncho perdido nunha edición de metade de semana. “Difama, que algo quedará” era e segue a ser a consigna daqueles que non teñen outros argumentos para o debate das ideas e dos proxectos.

Agora, de novo, os campións da transparencia e da loita contra a corrupción en centos de Concellos e Institucións, alí onde se crían inmunes namentres utilizaban o poder para o seu enriquecemento persoal, preparan outro cabalo de Troia para tentar vencer o modelo que temos elixido. Para elo fundaméntanse novamente na calumnia, na falsedade e na difamación, seguindo esa estela do periodismo amigo.

A representante do PP en Oleiros aviva e alimenta a idea de que os Oleirenses de ben acusamos aos Estados europeos de terrorista a consecuencia dos atentados en Bruxelas. De novo busca a imputación dos políticos que nos representan. Pero ESTE CABALO DE TROIA ESTÁ DESENMASCARADO denantes de que chegue a cumprir a sucia misión para a que foi concibido.

As mencións que desde Oleiros facemos asimilando as políticas dos Estados da Unión respecto do trato as refuxiados co exercicio dun frío terrorismo de Estado remóntanse ás primeiras manifestacións, xa lonxanas, denunciando o incumprimento das leis internacionais sobre a obriga de acoller á poboación civil, inocente, fuxindo do xenocidio. E denunciamos a hipocresía da socialdemocracia e dos partidos “liberais” e conservadores que, declarándose cristiáns e depositarios dos grandes valores de respecto aos dereitos humanos, permiten que a vida de millóns de homes, mulleres, anciáns e nenos pendure da actividade das mafias e, en último extremo, da capacidade dun pobo grego xeneroso pero acuciado por unha situación socioeconómica lamentable namentres os tenedores da súa débeda non afrouxan un ápice nas súas esixencias para que nas cidades gregas poidan incrementar o subministro de un chusco de pan e unha laranxa ao día por refuxiado. Non lles faltou, iso si, diñeiro a mansalva para darllelo a Turquía a cambio de deportalos alí a campos de refuxiados nos que morrer de frío, inanición e pestes, conforme a unha nova Lei que permite encaixar a medida conforme a dereito.

Por tanto, dicirlle ao PP de Oleiros que non gasten enerxía con ese cabaliño de Troia que acaban de montar, froito dunha cortedade de miras que deixa un pouso de vergoña por ser mostra de como asuntiños de trepar e outras paixóns intestinas poden deviar o foco sobre o verdadeiramente importante agora: que están a morrer milleiros de inocentes tódolos días. Pero eles erre que erre a tentar emparentar os comunicados dos paneis luminosos cunha presunta lexitimación do terrorismo hijadista. Antes ben, han saber que detrás da guerra de Siria están os intereses xeoestratéxicos das grandes potencias, e non é ningún segredo que as orixes de Daesh, ou Al Quaeda, están no conflicto afgano e na necesidade dos USA de acosar aos rusos cunha forza, adestrada pola CIA, que detivera a ocupación e a estabilización dunha república comunista de corte máis laico.

Tamén semella cortedade de miras a dos autores de referencias na rede sobre que os veciños de Oleiros e o goberno municipal faríamos mellor en materializar o acollemento de refuxiados en vez de tanto acto reivindicativo e xestos simbólicos que non serven para nada concreto e restan enerxía.

Para a súa tranquilidade direilles que hai tempo dabondo para todo. De feito, manifestámonos e facemos algún acto de homenaxe ou de debate fora dos horarios laborais, as mesmas horas en que os que nos fan eses reproches están a ver o Barça-Shaktar, ou a tomar tazas, a rascar a pirola ou a facer calquera outra cousa, que non vou ser eu que lles negue o dereito.