Etiquetas

, , , , , , , , , , , ,

Por Santi Casal

Cando o señor Blanco Valdés atribúe ás mensaxes dos paneis do Concello de Oleiros o valor dunha reacción fronte aos atentados de Bélxica para denostar ao alcalde de Oleiros non podo por menos que pensar que está a facer un exercicio de odio fronte ao activismo na defensa dos dereitos humanos ou, noutro caso, trataríase dunha metedura de zoco por porse a soltar a lingua a pacer denantes de contrastar as fontes.

Blanco Valdés entra na esfera da infamia e a calumnia que o desacredita non só a el senón tamén ao medio no que as publica. Non asiste cumplimento ningún do código deontolóxico que obriga ao plumilla a comprobar se o que afirma é conforme á verdade.

Se o señor Blanco Valdés considerara que a conveniencia de expresarse públicamente en contra da violación de tratados internacionais relativos ao respecto ao dereito de acollida para que fuxe da guerra e do xenocidio, se o ilustre constitucionalista tivera a ben mesturarse coa gleba nas rúas tería asistido nos últimos meses a frecuentes concentracións e marchas en favor do dereito ao asilo, do acollemento dos que veñen na procura de refuxio e que seguen a morrer a moreas -nenos, anciáns, mulleres…- coa conivencia deses grandes partidos que segundo o señor Blanco constitúen a única opción de Goberno serio por máis que se teñan turnado nos últimos trinta anos no arrasamento das arcas públicas, namentres demoniza aos outros, a eses aventureiros frívolos que se teñen oposto ao tratado ignominioso con Turquía que permite ás superdemocracias quitarse o gran do cú a cambio de diñeiro.

Sr. Blanco, as declaracións desde Oleiros asimilando as políticas contra o asilo co terrorismo de Estado retrotráense á serie de manifestacións iniciadas co recrudecemento da crise humanitaria hai xa moito tempo. Onde estaba daquela vostede, insigne profesor de dereito constitucional, cando veciños e clase política da area metropolitana alzaban a súa voz pedindo un trato xusto e acollida para os que precisaban refuxio?. A cántas manifestacións ten acudido en solidariedade cos que morrían e morren no mar e nos campamentos namentres o Goberno español anda a vender fume e ten acollido a 18 sirios, cantidade inferior á que recibiron veciños de A Coruña polos seus proprios medios?

Acaso interpreta vostede que ser membro da Universidade é un argumento inconexo da obriga de ser un punto sensible na denuncia da inxustiza social e no pulo para transformar o mundo?

Fágao se quere, e siga refuxiado na autocomplacencia, no empacho de coincidencia estratéxica con postulados de colegas contertulios que tamén afirman, como vostede, que o futuro de España só pode pasar por entregar a confianza a quen veñen defraudándoa sistematicamente en períodos consecutivos de catro anos de exercizo da corrupción e do abuso.

Fóra do PP e do PSOE, para vostede están: o demo, a inanición e o estoupido de país.

Ben, xogue ese papel de burgués decadente nunha Europa avellentada, queimada na súa dimensión mental e de valores. Pero saiba que non lle imos pasar por alto, desde Oleiros, nin a infamia nin o intento de desartellar a vocación tanto do Goberno Municipal como dos veciños e veciñas por seguir a ser sensibles a todo canto acontece na aldea global. Porque infame é que vostede traslade a idea de que os comunicados atribuíndo políticas de terrorismo de Estado aos países europeos aliñados na conculcación dos dereitos dos refuxiados ten relación alusoria cos atentados de Bélxica. Vostede si que tería que ir diante dun xuíz por establecer de xeito gratuíto e con erros cronolóxicos que o deixan en evidencia a valentía dun pobo que se opón a un magnicidio gratuito.

Di o Sr. Profesor de clase burguesa acomodada e amante do constitucionalismo garantista (¿?) que o Concello de Oleiros xa non é novo en determinadas actitudes:

Si está a se referir á nosa vocación de cidadáns do mundo, internacionalistas desde a defensa da nosa singularidade, atentos en suma aos contextos nos que se están a pisotear os dereito humanos, pois vai ser que ten razón.

Non nos faltaron collóns para saír da zona de confort, que vostede tanto acota desde a súa atalaia mediática, para denunciar que Ariel Sharon enaxenaba as facendas dos palestinos para darllas aos colonos invasores, queimaba as oliveiras, contaminaba os pozos, pechaba os suministros de mediciñas, destruía os xeradores, as escolas… facía voar, rasantes, os cazas ate lograr que o terror impedira sequera conciliar o soños aos palestinos e palestinas.

Tampouco naquelas manifestacións tiven ocasión de ver nunca ao insigne catedrático de dereito constitucional, a cuxo pai tanto teño admirado e admiro, dito sexa de paso.

Se hai que ir diante dun xuíz, alzaremos as mesmas pancartas que xa temos levado en tantas manifestacións de apoio aos refuxiados, porque estamos pola defensa dos seres humanos e moi lonxe de apoiar ou calar sequera diante da industria do terror, veña de donde veña, e tampouco da que deriva da utilización da Intelixencia das nacións máis poderosas con intereses xeoestratéxicos máis aló dos ‘efectos colaterais’ sobre a vida de millóns de irmáns inocentes, que a nós nos importan máis que as filigranas dialécticas mentireiras facendo política rastreira para ocultar o feito de non facer fronte común contra a inxustiza.

 

20769174294_782e0daf07_k.jpg20770819703_28a36dca49_k.jpg

Manifestación diante da subdelegación do Goberno

A Coruña, 13/09/2015