Etiquetas

, , , , , , ,

Dende hai uns cantos días, vense reiterando un tema na axenda mediática galega referente a un comportamento machista por parte dun mestre da USC cara unha alumna. Cito textualmente: «Empéñaste en traer escote ata o embigo, desconcéntrasme». 

16159443203_f269ea3ca0_b

Madrid, 2015. Fotografía de Sergio Casal.

Sen entrar no tamaño nin do escote nin do desequilibrio emocional (despois explicarei esta afirmación) do docente. Vivimos nun exasperante Día da Marmota do machismo. E non da chegado a primavera. E días despois do suceso, temos unha nova trifulca social entre os defensores da rapaza e os do mestre porque—e isto desgrazadamente é un feito—, non existe un consenso social en temas de machismo. Entre as persoas que xustifican o comportamento do mestre por consideralo “vítima” dunha campaña difamatoria iniciada por esta alumna problemática e os seus amigos feminazis, chamáronme a atención os comentarios de dous individuos no xornal La Voz de Galicia.

Comentario 1:

“Pienso que el profesor lo que quería decir es que no se puede ir así vestida a una clase (lo dijo una vez, y lo dijo mal; lo dijo la siguiente, y lo dijo peor), sin más. No me creo, en absoluto, que el escote le pusiese nervioso (aunque ese, o parecido, fuese el desafortunado comentario). No obstante, lo que más me sorprende es que la alumna se lo tomase tan a pecho (nunca mejor dicho) como para molestarse a ir al Decanato… y que un periódico como la Voz de Galicia lo publique en primera página. Finalmente, no creo que el profesor esté tan sonriente como la alumna”.

O primeiro que destaco é ese curioso costume que teñen algúns comentaristas de xustificar un comportamento  interpretando o que o suxeito en cuestión quería dicir en realidade, pero non dixo: “Pienso que lo que quería decir…”. Xa, pero o que dixo foi «Empéñaste en traer escote ata o embigo, desconcéntrasme», e é grave. A segunda cuestión xa ten máis que ver coa mentalidade pechada e patriarcal disfrazada sempre baixo supostos valores “morais” de “convivencia, respecto e hixiene”, porque xa me diredes que é iso de “no se puede ir así vestida a una clase”. Entendo que a nivel institucional (non o comparto) existan unhas normas mínimas de comportamento orientadas ao vestiario, pero non chego a comprender ese complexo que teñen as persoas co corpo humano como símbolo do pior dos pecados, herdanza do catolicismo máis retrógrado. E non me vale iso de se trata de respecto ou de hixiene, porque durante os catro anos que durou a carreira eu acudín a centos de clases en chándal—ben aseadiño, o cal non ten que ver— por diferentes razóns, pero entre elas a simple comodidade. E a ningún dos meus mestres ou mestras se lle ocorreu nunca dicirme absolutamente nada sobre o meu vestiario. So faltaría. Xa bastantes complexos se xeran cos absurdos cánones de beleza femininos establecidos polo mainstream como para dicirlle a unha persoa orgullosa de si mesma que vista con minisaia, con pantalóns anchos, estreitos, en chándal ou o que sexa.

É aquí onde se manifestan as carencias e desequilibrios emocionais destas persoas: a clase non é lugar para o escote (din). Claro, mellor esperar ao descanso da Copa do rei de básquet para mirarlle os cus ás cheerleaders coma se fosen cachos de carne, e non mulleres. Cada cousa ten o seu lugar (pensarán). “Pero entón levar escote é unha forma de reivindicar a liberdade de vestimenta de cada persoa ou é unha forma de explotación do corpo da muller como obxecto sexual?”, típico dilema onde moitas veces se dan confusións ao situar as liñas vermellas. Pois moi sinxelo: cando unha muller, por vontade propia e coa liberdade de usar o escote, a minisaia ou o pixama de flanela que lle pete, o fai sen presións de ningún tipo, non se fala en ningún caso de explotación do corpo como obxecto, basicamente polo feito de que cando unha muller pon un escote (e isto ten que quedar claro dunha vez) NON O FAI PARA PROVOCARTE, FALOCENTRISTA!, O FAI PORQUE LLE DA A GANA!; moi distinto é cando unha muller, por razóns laborais, ten que responder ante unha serie de esixencias mercantilistas que lle impoñen que, para poder gañar cartos e progresar (neste caso como cheerleader) ten que levar o menor número de prendas posibles. Aí falamos de explotación. Onde habería que profundizar é se a muller é realmente libre cando decide exercer a labor de cheerleader coñecendo conscientemente que o habitus dese campo concreto xira en torno á idea do físico como capital principal ou se entran en acción fenómenos como a hexemonía gramsciana, que actúan desde os primeiros momentos da educación en absurdos roles de xénero. Pero ese é un debate máis profundo.

Tamén sorprendeulle ao noso comentarista “que la alumna se lo tomase tan a pecho como para ir al Decanato”. Claro. Como non se vai sorprender, acostumado a que a maioría das mulleres calen ante a cantidade inxente de comportamentos machistas na nosa sociedade. Menuda sorpresa cando unha decide levantarse e dicir BASTA! E cómo non vai sorrir. Ela e todos. POR SUPOSTO QUE HAI QUE ESTAR SORRINTE CANDO SE ATENDEN AS DENUNCIAS CONTRA O ESTE COMPORTAMENTO MACHISTA. Igual este home pensa que a rapaza tería que estar caladiña e chorando sen que ninguén a vise, coa única resposta dunha vestimenta menos “atrevida” na próxima clase. É de tolos.

Comentario 2:

“Neste caso non podo opinar con certeza posto que non coñezo a alumna nin sei como ia vestida, pero pola traxectoria do profesor e a sinceridade ca que recoñece os feitos creo a súa versión e a reacción correcta por parte da universidade sería darlle un toque a alumna e informar acerca da vestimenta correcta para ir a universidade“.

Neste caso xa non se trata nin de xustificar a forma de actuar do mestre, non. Agora xa se criminaliza directamente a actitude da alumna que decide denunciar. “Darlle un toque á alumna”. Darlle un toque por que? Por non levar a “vestimenta correcta”? De verdade que estamos nunha sociedade enferma, na cal un escote é o demo feito carne. Enferma, non só porque un mestre non poida ser capaz de dar clase por unha determinada forma de vestir, senón pola cantidade impensable de persoas que o xustifican, sabendo que incluso ameazou con darlle unha bofetada á alumna “froito da tensión xerada pola discusión”.

É moi ilustrativo que este docente, trala súa desculpa inicial, se reitere  na súa postura: «Vai seguir alterándome un escote excesivo». Xa coñecemos o problema logo. Non está nun escote excesivo, nunha camisa apertada, nun pantalón frouxo ou nunha cabeza rapada. O problema está na mente deste home. No seu clarísimo desequilibrio emocional. Porque, amigas e amigos, un escote non deixa de ser máis que iso. E se esta persoa non é capaz de levar adiante as súas clases por un escote, entón é que ten un problema. Algo que lle falta na súa vida. Un complexo que, por desgraza, tivo que pagar con esta rapaza. Una carencia que, ao fin e ao cabo, non deixa de ser o reflexo da sociedade que vive instalada no Día da Marmota do machismo. E a primavera que segue sen chegar.

 

MACHISMO FÓRA DA UNIVERSIDADE PÚBLICA!