Etiquetas

,

Leo nun teletipo que unha moza ucraína de vintesete anos ven de finar no leito vítima dunha secuencia de orgasmos continuados durante catro horas que a levaron a sufrir un ataque cardíaco.

Ben, supoño que a Axencia considerou o feito como noticiable tendo en conta que iso é altamente extrano que lle suceda a unha muller. O normal e que lle pase a un home nunha habitación de hotel, no choio de serlle infiel á súa muller, e gozando por riba das súas posibilidades físicas grazas á axuda da pilula azul inxerida sen control.
Pero volvendo sobre o tema da sexualidade feminina, a noticia viña a resaltar que tódolos excesos son malos. A min ese argumento pareceume mal traído. Quen establece que ter capacidade infinita para sentir pracer sexa un exceso? Non será máis ben unha virtude? Iso sí, unha virtude que as Relixións máis grandes, gregarias e xerarquizadas do planeta se obstinaron en pecaminizar ao longo da Historia e ate o presente. O home que vivía no cuarto andar do edificio onde pasei parte da miña adoescencia sempre presumía de que el nunca vira espida á súa muller. A admiración por iso era compartida pola dona, que tiña practicado un ventanuco no camisón longo para “facer uso” e cumprir co precepto conxugal. Para outra cousa, incluída a exhibición da carne ou a succión oral, dicía aquel home, estaban as putas.
A min, dado o grao de egoísmo que pervive en moitos machos nas súas condutas sexuais, moitas veces alentado polas propias mulleres, non me sorprende nada que un número importante de rapazas, independentemente da súa orientación sexual, atopen noutras mulleres a sensibilidade e ese trato sutil, delicado, atento aos matices que moitos falócratas con urxencias cubertas en actos express, educados no machismo e a ignorancia de que o sexo é unha arte ben rica, non poden proporcionarlles.
A respecto disto, a noticia máis relevante nas axencias podería dicir: “cada día morren no mundo decenas de miles de mulleres que nunca experimentaron un orgasmo”. E ainda que pareza mentira isto segue a producirse non só na esfera talibán ou en sociedades nos que a muller é un mero instrumento reprodutivo, un animal de carga e de traballo arreo. Tamén ocorre no Occidente supercivilizado, no que imperan uns modelos eróticos que afondan na cosificación dá muller e na súa función suprema de atraer ao macho dominante cos seus atributos físicos arrastrándose por estudios e vídeos nos que esa parte das novas xeracións chegan mesmo a endeusar a ignorancia e ningunear o esforzo por saber: “Quen precisa para nada a Universidade. Eu teñome feito a min mesmo na escola da vida” (Frase pronunciada en “Homes, mulleres e viceversa” (para argumentar ou descoñecemento dun asunto de cultura xeral ben básico).
Nos centros de ensino, e ainda mais na casa, sexa por comodidade, por indolencia ou por falta de sabedoría, non hai didáctica sobre como funcionan os corpos do home e da muller. Estancouse o progreso da profundización no coñecemento dos nosos filóns para o pracer e a arte amatoria.
Por tanto as novas importantes das Axencias teñen de xirar sobre o deleznable que resulta o asasinato continuado de mulleres vítimas da violencia dos “seus homes”, sen obviar que centos de milleiros sofren violencia física e psicolóxica con graves secuelas tamén para os fillos.
Porque o home non soporta o que il sinte como desprestixio social cando interpreta que a súa muller se desvía do rol que no seu marco cultural ten asignado: ser unha propiedade exclusiva da súa parella e, aínda máis, a súa escrava. Os homes son educados dese xeito polas súas nais e estas comisionadas para tal fin polos convencionalismos sociais trasladados de xeración en xeración, coa encomenda dos confesionarios.
A anorgasmia inducida non é un fenómeno exclusivo dos territorios da ablación clitoridiana ou das violacións sistemáticas, sumarias, convertidas en armas de guerra. Tamén en amplos sectores da hipócrita e puritana sociedade “máis desenvolvida” a vivencia intensa do pracer por parte da muller é percibida como un elemento corruptor da pureza da ialma. O fin último ten de ser, a mais da procreación, estar ao servizo do desafogo do home.
A Virxe María entrou en xestación dun xeito puro, sen experimentar a suxa baixeza do orgasmo. E conforme a ese exemplo e tamén ao das súas nais, moitas mulleres que non coñecen o orgasmo argumentan que o importante dentro da parella é quererse, coma se iso fora incompatible con “gozar como unha cadela”, tal como lle chaman desde círculos onde se afonda na cosificación da muller.
Corenta anos despois da suposta explosión contracultural unha boa parte da xuventude transita cara a madurez instalada en valores e principios regresivos, tanto non que atinxe ao papel da muller na familia como respecto da consideración que merece o seu acceso a dereitos tan fundamentais como limpos, entre eles a explotación da súa capacidade suprema para sentir pracer e que, de feito, non debería máis ca ser obxecto de sá envexa entre os homes.

 

Gustav Klimt: “Danae”