Etiquetas

, ,

O Códice Calixtino, Asunta Basterra, Andrea, o tren Alvia, “dixome que me fendía a cona en mil pedazos”, todos os edís menos un imputados, Monseñor Barrio cominando ao Alcalde a participar na Liturxia, megalomanía e cidade da Cultura, “aqueles tres tipos de Entrecruses e Manuel Barca Dominjes”, tres mil gaiteiros, unha cidade cercada polo lume e pola inacción política, cos gandeiros durmindo ao relente, abandoados nas fauces das quenllas financieiras… Compostela está edificada, como Roma, sobre sete outeiros e se a cidade do Tíber foi queimada por Nerón a do Sar está non transo de tentar vencer ás pantasmas, a tentación de autodestrución que representa a corrupción e o anquilosamento dunha clase política que ao fin ten de ofrecer outras vías para o progreso, logo do efecto anestésico do asasinato de Ánxel Casal e dunha vida baixo palio das alcaldías “conservadoras”, coa titoría dos Guerra Campos e Quiroga Palacios.

Compostela conta con apenas cen mil almas. E outras tantas na area de influencia. Mais semellan dabondo para conseguir que este recuncho de Occidente ocupe dende hai un tempo cabeceiras e máis cabeceiras mediáticas. Hai moitos factores que seguen a explicar este fenómeno: a invertebración social, a situación borderline de colectivos sen unha idea clara sobre a diferenza entre dogmas, crenzas e leis, a condición de periferia física e mental para a Administración Central, a dureza climatolóxica, o agromar dunha relación nova entre a prehistoria e a modernidade… todo elo fai posible o enfrontamento mental entre elites burguesas e a Galiza profunda; a pervivencia de prexuizos enquistados froito de valores imbuídos pola acción de axentes dogmáticos que son legados xeracionais fronte ao avance progresista e a aceptación de leis que conveñen á convivencia e á dignificación da vida dos cidadáns; o trato abusivo, diferencial na implementación do progreso desde a repartición dos orzamentos do Estado, que semellan categorizar as necesidades en función da identidade dos pobos, e os galegos seguemos a ser cidadáns de segunda no imaxinario da Corte e mesmo para os mandatarios do país que teñen feito carreira no aparello do Estado; a bruma perenne dos días interminables nos que a lus non chega a traspasar os borbotóns de choiva sobre os tellados ruidosos e as lousas inmortais que han sepultar ós osos é un recurso suficiente para afundir na depresión a cerebros cansos, lentos e caóticos entregados de máis ao confort fuxidizo e traizoeiro do alcol; e, ademáis, a cosmopolita Compostela garda, cal Matrioska, unha ialma interior de aldea pechada, impermeable, habitada por alcumes, cos amores, os desamores, as traicións, as rutinas, as propiedades e as débedas incluídas nun catálogo de transmisión oral que magnifica os xogos de discreción, honra e exercicios de forza cando convén para facer confluír as dimensións dos asuntos persoais coa imaxe que os demais teñen de cadaquén.

Falta moito para que a cosmopolita Compostela complete a transición cara a ese modelo de colectividade na que nunca pasa nada.