Etiquetas

, , , , , ,

Oleiros, 07 de setembro de 2015-. O vindeiro venres 11-S ás 19:00 celébrase a inauguración do parque público José Couso. O acto contará coa actuación do músico Rafael Amor e coa participación de varios familiares do homenaxeado, entre eles David Couso, voceiro da Asociación de Amigos, Hermanos e Familiares de José Couso. O parque, que xa existe na rúa Cubelos, no Alto de Perillo, será o espazo público que levará o nome do cámara de televisión ferrolán asasinado polas tropas dos Estados Unidos na guerra de Iraq.

CARTEL COUSO-page-001

A decisión de outorgarlle o nome de José Couso a un parque público de Oleiros, foi unha das primeiras medidas tomadas polo Goberno municipal nesta lexislatura. Desta maneira, o Concello de Oleiros pretende lembrar un caso que foi arquivado recentemente pola xustiza. Coas leis aprobadas polo PSOE no ano 2009 e polo Partido Popular en 2014, a Xustiza española non ten capacidade de actuación para xulgar este tipo de crimes, lexitimando a impunidade.

Na mañá do 8 de abril de 2003, o 64 batallón da 3ª división acoirazada do exército dos EE.UU. atacou os 3 sinais que emitían en directo en Bagdad. Bombardeou a sede de Al-Jazira, asasinando o produtor Tareq Ayoub, ametrallou a sede de Abu Dhabi TV, producindo decenas de feridos e, en ausencia de combates, disparou dende un carro de combate un proxectil de 120 mm de alto explosivo Heat á altura da planta 15 do Hotel Palestina, asasinando no acto ao cámara Taras Prostyuck e ferindo de gravidade a José Couso. A gravidade das feridas fixo que non saíse da operación.

Desde entón, a súa familia non parou de esixir investigación e xustiza.

“A reivindicación da memoria é un modo de conquistar espazos de xustiza”.