Etiquetas

, , , , , , , , , , , , , , , ,

No meu pobo chámannos venideiros. Eu prefiro nómadas. Cidadáns do mundo. Se non existisen venideiros, Lorca non lle tería adicado un hino a Santiago de Compostela. Sen venideiros, non habería galegos na lúa. Non seriamos irmáns da Arxentina, Cuba, Venezuela, Uruguay e México. Madrid tamén fala galego grazas a Nós.

Cando chegas pola estrada, ou polos raís, e a chaira comeza a se elevar, paseniño, e recíbela benvida dos primeiros e suaves outeiros e, ao lonxe, da Serra dos Ancáres falando do teu primeiro fogar, do teu berce… estás na casa: Santiago, Monforte, Ourense… tanto ten. Estás na casa. Vés da China, das antípodas, dos Estados Unidos, da Xermaña ou do Bierzo. Pero estás na casa. E o corazón pide paso pola gorxa nun efémero intre antes desa paz que os venideiros coñecemos ben. Antes de saber que xa, ao fin, estás na casa.

Por iso é tan desgarrador este día. O día negro dos venideiros. Dos galegos que, na nosa eterna contradición, gardamos loito na véspera do Noso Día. Esta Véspera que, por desgraza, xa é Día, e quedará marcado nas mentes e nos almanaques dos galegos (e non galegos) que perderon un anaco de sí mesmos na curva de Angrois. Aquel tráxico 24. Onde parte da vida de Nós, quedou ancorada para sempre. E dos nosos irmáns alén a grande pena Trevinca, que tamén choran o 24.

E mesmo a natureza, irónica nesta terra gris, chora este 24. Porque sabe da nosa teima. Sabe que é noite sen lúa e de loito. Pero entre as herbas de prata de Compostela escóitase un rumor. O dos galegos que piden Xustiza. Xustiza para as vítimas. Nun momento no cal os cartos mercan as almas de moitos. Os que teñen en Angrois a súa penitencia, reclaman Xustiza e Reparación, non cartos. Unha comisión de investigación que esclareza as responsabilidades políticas da traxedia do 24 de xullo do 2013. Porque non todo ten prezo, mal que lle pese a algúns políticos. E moito menos cando se fala de vidas humanas. De irmáns, de parellas, pais, curmáns, amigos, compañeiros… non hai esquencemento para eles. Nin haberá. O que sí haberá será o 24 de xullo, sempre. Toda a nosa vida. E os galegos –venideiros e non– choraremos de ledicia cando chegue a Xustiza a Angrois. Choraremos celebrando o Noso Día coa lembranza dos irmáns que quedaron, aquel fatídico 2013, ás portas do seu fogar. Xa descansan preto do mar da súa casa. E nós descansaremos cando teñamos Xustiza e Reparación para todos eles.

O ceo chora este 24: chove en Santiago.

Plataforma vítimas Alvia 04155

Plataforma vítimas Alvia 04155