Etiquetas

, ,

ALGO SE MOVE NO SUL DE EUROPA: O EFECTO DOMINÓ

 

Tsipras ten por diante a obriga programática e moral de non condenar á miseria ámetade dos seus conciudadanos. E para ilo non abonda con amosar forteza diante do BCE, do FMI e da Troika. Tsipras ten que concentrar o foco en reducir a brecha entre ricos e pobres. En coherencia co se programa, coas súas ideas, ten que eliminar os privilexios esaxerados da oligarquía e tamén reducir os salarios e as pensións das escalas altas do funcionariado, obscenos en comparación cos da clase media.

Pero non abonda con forzar aos privilexiados a transitar pola vía de compartir clima e destino co resto da colectividade. Trátase tamén de modernizar o funcionamento administrativo, para facilitar o emprendemento, acabando cos atrancos burocráticos propios do século XIX que aínda perviven no país. Trátase de establecer regras iguais para todos e de rematar coas xubilacións anticipadas quince anos precisamente en postos de traballo da moqueta, que non conlevan o desgaste da mina, a estiba ou a pesca intensiva.

Para todo ilo, a Tsipras de seguro non lle faltan melindres, pero sería moi de agradecer que a Europa da plétora, de xeito solidario, establecera regras de xogo que gravaran a deslocalización das empresas como instrumento para a chantaxe política. Ao fin, namentres persistan o trato de favor para a acumulación do capital sen contraprestracións sociais e mentres pervivan os paraísos fiscais pouco poderá facer a clase política á esquerda do bipartidismo na súa lexítima pretensión de que a maioría da clase traballadora non derive nunha nova estrutura conformándose xa no Sul do vello continente: a clase dos escravos.

E nise punto onde se producen resistencias que ansío saibamos aproveitar. Os mozos e mozas europeos teñen demasiada cultura e preparación para entregar a súa vida pol-a mera subsistencia. Os que teñen fillos ou persoas dependentes ó seu cargo están máis atrapados, pero en xeral podemos estar asistindo ao xérmolo dun grande movemento de rebelión fronte ao proxecto da Oligarguía de asiatizar Europa. Os mal chamados partidos populistas –sendo rigurosos é o PP o paradigma de partido populista-, cuxos seguidores teñen espíritu crítico e formación superiores ao resto dos segmentos ideolóxicos, dar oso e carne a esa rebelión. Semella que non se trata senón dunha cuestión de tempo que o poder financieiro tome conciencia do contaxio da idea de ver desaprobadas as súas políticas e conductas faltas de ética. Chegado ese momento, pode que o dique que defende a xerarquía capitalista ceda, se resquebraxe, e non teña outra salida que aliviar a presión reducindo a dimensión dos seus privilexios en favor da recuperación de dereitos e prestacións sociais conquistados pola vía do traballo e a implicación cidadán. Ou iso ou a inmersión na senda perigosa do descontento crecente e da deprivación que anticipan cousas ben peores.