Etiquetas

,

O outro día, repartindo programas do movemento veciñal na metrópole, algúns compañeiros visitaron a sede dun sindicato enraizado cun Partido de longa Historia. É interesante o que me contaron:

“Como a nosa Historia e máis curta, e os nosos feitos, segundo din, tampouco os coñecen vostedes, porque non teñen interese, pois vivimos ó outro lado da ría, pregúntannos pola nosa idea da Política, dado que a vostedes, ao parecer, xa os autentica o peso do paso do tempo”.

Entraron nun pequeno debate, logo de recibir a acusación de andar a dividir a esquerda. Os compañeiros do movemento veciñal escoitaban o aluvión, conscientes de que aqueles homes e mulleres (escasas), reunidos para reforzaren a súa ollada umbilical, pensaban que xa o tiñan todo feito. Escoitaban como declinaban tódolos verbos en pasado, sen percibir nin un ápice de autocrítica no seu discurso.

Pero chegoulle aos compañeiros, ao fin, esa invitación a debullar o xeito de definírense, de explicar porque se consideran distintos e singulares sen apoiarse en bagaxe ningún. Desexaban só un pronunciamento teórico. E houbo que recoller palabras do saco:

 

-“Somos plurais. A sabedoría pode atoparse na Universidade, na escola da vida, nos novos, nos vellos…

-Non imos agardar a que a clase política arranxe os nosos problemas. Na forza da nosa unión están as solucións.

– O benestar non é nada se non é compartido cos veciños

– Se cumpre cambiar algo para que todo funcione, fai-se

– Cando decidimos por parroquias, que é o que precisamos, aplicámo-lo sentido común. “Non queremos pontes mesmo alí onde non hai río. Non queremos obras suntuosas. As mellores inversións semellan intanxibles e teñen que ver con axudar a quen o precisa e asegurar os servizos básicos a toda a poboación.

– Non é san estar na política por vaidade ou por fame de éxito persoal. O equilibrado e estar para tomar responsabilidades, para ser donos do modelo de desenvolvemento que queremos para o noso territorio, habitable e humano.

– Somos asemblearios en verdade. Os nosos representantes saen das entrañas do pobo, do movemento veciñal.

– Sabémo-lo que queremos pero tamén o que non queremos: corrupción, tratos de favor, especulación, mala administración, maquinarias políticas custosas e opacas…

– Coidamos dos nosos maiores voten a quen voten. Eles fixeron posible o que somos hoxe. Cada un dos nosos velliños é un tesouro de recordos único e insubstituíble.

– Sentimos una atracción telúrica po-la festa, po-los contos, po-la leria. Un optimismo esencial que se reflicte na nosa paisaxe humana e na elección dos nosos símbolos.

 

Aquela declaración de intencións non tiña relación ningunha coa rixidez dos programas ao uso, feitos para non ser cumpridos. De feito, nin a cordialidade amosada nas despedidas puido disimular a contrariedade debuxada naqueles rostros adustos, preparados de por adiantado fronte á ameaza da derrota. I é que o camiño é longo, pero só se fai con tenacidades en límite. E nese punto onde non se pode vivir só do “onte”. Hoxe xa e mañá e hai que seguir dándolle lume.