Etiquetas

, , ,

É guapo? Eu non teño opinión ó respecto. O que si podo afirmar, sen temor a trabucarme, é que lle gustan as cámaras e domina o discurso televisivo. Tan só lle falta o nariz vermello e a perruca para dar a imaxe do que realmente é, aínda que sen eses elementos xa encaixa perfectamente no circo no que convertiron a televisión. Non menciono o seu nome e o do seu partido por un motivo: a publicidade, se a queren, que a paguen.

  

O comercial –posúe grandes dotes de vendedor- lidera, dende Cataluña, un partido que vende renovación e cambio. Cambio si, pero de chaqueta. Os descartes e descontentos de UPyD e do PP, na procura de sillóns e moquetas nas que poder vivir a conta de todos nós, desembarcan nas listas electorais deste amago de proxecto político. Manda truco que esta xente nos fale de renovación política…

Aldeáns? Non. Viláns? Tampouco. Como o seu propio nome indica, eles son da urbe. Así queda de manifesto en Galicia, onde só presentan candidatura nas cidades galegas. Traballo lles custou, pois as ansias de poder e os egos dos chaqueteiros, case acaban por desmontar o tenderete antes de comezar.

Segundo as enquisas dos medios do PP, pasarán a formar parte dos plenos das cidades do noso país. E mesmo poden chegar a formar goberno con outros partidos políticos. Medo me dá!

PABLO CIBEIRA (OLEIROS), XORNALISTA