Etiquetas

Prego de descargo
Descridos, escépticos veñen a chamarnos, si, aos que nacemos aló pola metade do século pasado. Fano de xeito un tanto displicente, como se non fóramos quen de tomar partido por causa ningunha, como se mesmo a anarquía non constituíra a fórmula de convivencia máis esixente e solidaria, máis interactiva e empática.
O certo é que mamamos unha realidade singular polo que tiña de empacho de contradicións nun cruce de camiños da Historia: ideolóxico, cultural como digo, artístico, profesional, de expresión da intimidade…
Jastabamos pista nas distoteques coa Tamla Motown, pero tamén na sala Rei Brigo, cuberta si, pero co chan de terra, palco para as orquestras e mesmo barraca de tiro, nun alarde do que o doutor Santiago Lamas cualifica con tanto tino como a Galicia borrosa. Na nosa discoteca, o Triqui triqui de Demis Roussos e Peret, Harry Nilson e Jaime Morey, Karina e Leonard Cohen, Pucho Boedo, Cat Stevens, Tony Ronald, James Taylor, Los Valldemosa, Mike Oldfield, Rashmaninov, Massiel e Mari Trini. Bruno Lomas, os pasodobres da orquestra Gran Canarias… Recibiamos Formación del Espírito Nacional e líamos a Martín Vigil pero tamén a Bakunin e a Jean Paul Sartre. Viviamos a condena por masturbarnos e a penitencia das avemarías pero a cabeciña non paraba e buscaba outras luces en Artaud (El momo desnudo), Monique Vittig (el cuerpo lesbiamo) ou collía apuntes sobre a magnitude potencial da maldade en “Las once mil vergas”.
O modelo franquista quería encher de medievalismo as nosas mentes pero estaba a practicar psicoloxía inversa con boa parte da nosa xeración coa promoción daquel cine de Paco Martínez Soria, Jose Luis López Vázquez, Lali Soldevilla, Alberto Closas, que ademais de enxalzar os valores do Réxime evidenciaba os complexos dunha sociedade camiñando cara á involución. Pero nos flipabamos coas pelis de Berlanga e Buñuel e coas entregas “de arte y ensayo”, a meirande parte francesas, no cine Goya.
A penitencia morada e patética da Semana Santa naquel Estado confesional, paraíso para un clero que coa reforma Wert revive o seu protagonismo doutrinal como se so desde o dogma se puidera formar aos cidadáns na convivencia, incluía a Barrabás, Marcelino pan y vino, cartas a los Corintios, a los Filisteos… pero tamén o des tape calculado, aquel acceso á carne con moraliña que xa era dabondo para os nosos pais. Para nos, máis aló do Rubicón, agardaban “El último tango en París”, a versión íntegra de “Gilda” e a pseudopornografía de estraperlo.
Toda esa potencia antitética cobraba aínda máis dimensión en Galiza pola fractura entre tradición e modernidade, entre rural e urbano, entre a esfera caciquil e a universalidade que nos proporcionaba un acceso crecente e imparable ao coñecemento de que outro mundo era posible máis aló da asfixia que impoñían a Igrexa e una Ditadura cimentada sobre a posesión da forza e o poder polos máis mediocres e a aniquilación ou desterro do xenio e da brillantez intelectual.
Na oposición de contrarios como na percepción da escala de grises entre o branco e o negro os que rondamos os sesenta anos vimos aguzado, mediando maior ou menor empeño, o noso xuízo crítico e a conciencia do importante que é a procura sempre das mellores fontes para logo elixir con mellor criterio.
Esa derrota (viaxe con rumbo) ía caracterizar xa o noso periplo vital desde a convicción de que a democracia en España é un réxime tan desexado como imperfecto. Hai moito voto ditado tanto pola persistencia na ignorancia como pola emerxencia dunha grande masa sen criterio, acrítica, manipulable e manipulada, pouco dada a complicarse a vida tratando de percibir que a realidade non ten un único plano.
Só nunha sociedade con pobre acceso á cultura se pode concibir tamaño grado de podremia e de perversión do Sistema como o que caracteriza ás altas Institucións do Reino de España, onde, ademais, non se cumpre a primeira premisa para certificar que o noso é un Estado democrático: a separación de poderes. Tampouco existe, de facto, unha verdadeira liberdade de prensa.
Neste contexto, aínda adquire unha gravidade maior o paradoxo de que pese o mesmo o voto dos que limitan a súa pescuda de información e alimentación sobre o entorno á visión de “Sálvame de luxe” que o de aqueles con inquietudes por empaparse do que concentra as vidas da colectividade, seleccionando as fontes, interactuando e dedicando doses de forza en formarse e madurar como cidadán comprometido con causas que entende xustas. Se cadra é por iso que os descridos dos anos cincuenta somos mal entendidos cando chegamos a opinar que, asegundo que “democracias”, algunhas son moito peores para os cidadáns que as certas “tiranías” exercidas por homes bos e sabios. Exemplos hai na Historia. Pero postos a elixir, prefiro unha democracia habitada por cidadáns libres cando a “liberdade” é unha conquista a partir da busca do coñecemento e do esforzo no crecemento persoal.

 

© El País