Etiquetas

,

Todos nós coñecemos esa sensación que supón afastarse da terriña. O castelán adoptou este termo ao seu diccionario coma morriña, xa que non ten tradución. Pero hai outro sentimento predominantemente galego-portugués que se atopa en tódolos fillos desta boa terra. A saudade.

No século XVII Manoel de Mello, ás veces militar e escritor portugués, amigado con Quevedo, deixou algunha pincelada do que significa a saudade: «bem que se padece e mal de que se gosta»Ambigüidade. Sentimento de baleiro melancólico, á vez destrutivo e atrativo. Coma os trebóns e marexadas. Coma os fenómenos que a natureza esperta na terra das mouras. Esa beleza terríbel das furnas, dos cantís, das Catedrais… O devezo dalgo que, por razóns espaciais ou temporais, non poderemos ter. Amor e desamor, apego irreparábel. Hoxe que tan de moda está desprestixialos movementos de reivindicación sociocultural das “rexións” do Estado Español, un sente saudade por aquilo que puido ser e non é. Saudade pola terra que, aínda preto, manténse lonxe da súa historia e nun proceso de esquencemento coletivo das raíces, do que significa ser galego. E moita responsabilidade a ten o poder centralizador do Reino. Aquel que demoniza e menospreza estes movementos, argumentando razóns político-lingüísticas (exemplos: a palabra Euskadi foi inventada por Sabino Arana de forma tardía, no XIX; o catalán esta vinculado ao movemento pequenoburgués froito da industrialización; etcétera). Sabiades que o documento oficial máis antigo que se conserva na actualidade en galego, data de 1228  (o “Foro do bo burgo Caldelas“, de Alfonso IX)? Existen tamén aqueles que queren erradicar a historia dos pobos aludindo á multiculturalidade. É certo que a convivencia das culturas é imprescindible para o desenvolvemento. Que teñen que ser incluíntes, non excluíntes, pero falar como se fala dende Castela da historia destes pobos coma dun invento do nacionalismo é faltarlle á verdade. Probablemente será a envexa dese nacionalismo excluínte español por non ter pasado, nin mitoloxía, nin raíces –desculpando a figura do Cid–. Será a envexa á saudade dos fillos de Breogán e aos tesouros culturais que os celtas deixaron na nosa xeografía. Das tradicións paganas antediluvianas das xentes que poboaron os mesmos montes sobre os que agora descansamos os galegos. Dende o paleolítico, ata a etapa castrexa, Gallaecia e o Reino de Galicia. 

Aos “imbéciles e escuros”, dicirlles que poden, se queren, negar a capacidade de autoxestión de Cataluña ou de onde sexa. Que poden xustificar a animosidade política de certos sectores do nacionalismo. Que poden poñer en cuestión a orixe das culturas ou das linguas para xustificar movementos políticos. Pero o que non poden facer é negalo pasado demostrable. Ninguén pode borrala historia de Galicia, por moitos séculos escuros que pasen, da mesma forma que ninguén pode negalo vento nin o mar. Da mesma forma que non se pode traducir a morriña nin o orballo;  ninguén pode traducir a saudade dos galegos.