Etiquetas

Reteñen a unha muller en Ecuador porque logo de someter a un interrogatorio aos dous conxugues por separado, viron que contestaban de xeito diferente sobre o mesmo feito a dez das cento trinta e cinco preguntas.

¡Manda carallo! A ver que parella ten unha sintonía total mesmo sobre feitos que semellan empíricos. Porque o espello perspectivista, o enfoque con que cada quen vive a realidade e ben particular. Eu levo trinta e cinco anos de relación coa miña dona e onde ela podería dicir que o meu prato preferido é a caldeirada de maragota -míntolle cando lle digo que a borda- eu contestaría que os percebes, mesmo sen necesidade mais ca de unha fugaz cocedura. Onde eu diría que me ten por un tigre de bengala na alcoba se cadra extra muros me poñería como un michiño. E xa non digamos se os funcionarios do carallo metendo os nefres onde non lles debería importar nos preguntan sobre se preferimos “Lucia de Lammemmor” ou “A Traviata”, ou se consideramos maior o peso de Spinoza ou o de Wittgenstein na concepción filosófica do home de a pé do século XXI. Porque supoño que as súas señorías non preguntarán sobre se toman o café con ou sen cafeína ou se dormen espidos ou con bragas de esparto.

¡E a min que se me antolla que as cuestións migratorias, cando son masivas e preocupan aos Estados convertidos en Caixas rexistradoras, contrarias ao exercicio das liberdades, cumpre solucionalas centrando os esforzos en desenvolver políticas de apoio ao desenvolvemento do tecido produtivo nas areas de orixe das sangrías!. O problema de África empezou cando as potencias do norte puxeron alí o foco para enchufar un succionador das súas xemas, diamantes, riquezas minerais e agora tamén terras cultivables para os chineses, a través do control proporcionado por faccións que lucen con orgullo armas rusas, americanas, francesas, españolas. Ningunha valla en Ceuta ou Melilla pode disuadir da necesidade de fuxir da morte.

En Hispanoamérica, sen embargo, todo empezou a mudar, lentamente, coa nacionalización dos recursos, e hai unha forte dose de esperanza se son quen de vencer a corrupción e administrar os seus recursos agora que botaron ao asoballador do Norte.

Por iso semella aínda máis extemporáneo o mantemento do control férreo dos matrimonios de conveniencia entre españois e Latinoamericanos, cando non hai mafia ningunha de por medio no asunto, e, por contra, a laxitude na implementación de medidas contra a explotación sexual de mulleres.

¡Liberen a esta muller ecuatoriana xa e deixen de amolar á xente honrada, que hai moita corrupción que atallar noutras direccións!

 

http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/un-santiagues-lleva-un-ano-de-calvario-al-estar-su-mujer-retenida-en-ecuador/idEdicion-2014-08-08/idNoticia-884041/