Etiquetas

Gaza empeza a aburrir, a deixar de interesar. Superada unha cifra de mil catrocentos mortos e de sete mil feridos, os medios de comunicación escurecen o tema. O parte das 13 de Radio Nacional duraba hoxe dez minutos. Ata o minuto oito non entrou unha referencia de corenta segundos aos bombardeos do exército xudeu, nutrido con 18.000 novos reservistas. A portada e a práctica totalidade do noticieiro ocupouse xa de temas domésticos, das vacacións de Agosto, da familia Puyol, do encontro entre Mas e Rajoy, a baixada do Ibex por mor da crise bancaria portuguesa e mesmo de esgarros entre xogadores de fútbol.

Mesmo os xenocidios son a virtualidade para unha sociedade decadente e insensible fronte ao dolor alleo, nunha Cultura na que ninguén semella sentirse parte do universo humano. Non se falará de Gaza, outra vez, en pouco tempo, e moito menos aínda de Sudán e de toda a África subsahariana. O Goberno de España está secuestrado na súa ética, no seu deber de defensa dos dereitos humanos, polo abuso de posición dominante dos países acredores. A China masacrou á quinta parte dos tibetanos, pero Margallo, Rajoy e Gallardón din que non temos competencias para condenar e moito menos para acusar a outros gobernos soberanos de nada. Tiveron presa en sacar da circulación a Garzón, mediante un tribuna de xuíces elixidos polo Partido mentres os altos cargos do PP implicados na Gürtel seguen nos seus postos. Será que a Lei de Xustiza Universal molesta á marca España, como din eles? Ao fin, a poboación civil é a que ten de artellar mecanismos de loita contra os crimes de Estado a través de Organizacións non Gubernamentais e presentándose, se é preciso como acusación particular para tentar calmar a negritude mental, a depresión que produce ver como os xenocidas actúan impunemente e sen temor ningún contra os máis febles.

Temos de botar do Goberno aos que antepoñen os intereses das empresas do Ibex, dos monopolios á defensa do dereitos humanos. Temos de restablecer a Lei de Xustiza Universal para denunciar diante dos Tribunais Internacionais os crimes de lesa humanidade e levar diante dos xuíces aos seus responsables.

 

Reuters. Majdi Fathi