Etiquetas

,

A Xustiza é un cachondeo

Inhabilitan a Baltar para desenvolver cargos públicos ¡agora que xa está xubilado! Así semella que o peso da lei acaba por caer sobre todo aquel que intenta vivir á marxe dela. Pero houbo quince anos cheos de motivos para actuar con firmeza e non se fixo. Por iso esta sentenza extemporánea soa como un cachondeo.

Houbo un tempo no que Cacharro e Baltar acumularon máis elementos de poder que Fraga, utilizando os fondos da Deputación clientelarmente, como un instrumento ao servizo dos seus intereses. Eran anos de laxitud inspectora, nos que non tiñan que render contas a ninguén. Cacharro era copartícipe de empresas privadas beneficiarias de adxudicacións de contratos. Baltar adxudicaba vinte prazas de conserxe nun centro cunha soa porta. E isto en dúas provincias que presentan un futuro incerto pola desvertebración entre o rural e o urbano, o envellecemento da poboación, a atomización do mapa de concellos, a falta de definición de plans que poñan en valor as comarcas e o que teñen de diferenciais, o abandono do agropecuario pola ausencia de marcos de cooperación, a desindustrialización, a perda de valor do patrimonio… Pero Baltar chegaba coa chequera cando non con cartos en metálico como se fora un rei mago repartindo as migallas salvadoras produto das cargas impositivas sobre os cidadáns e a súa figura se engrandecía.

A sentencia que o inhabilita obrigaría moralmente ao fillo de Baltar e actual presidente da Deputación a dimitir, tendo en conta que foron aquelas prácticas clientelares do pai as que levaron aos alcaldes a apoiar a súa candidatura. Manuel Baltar “sucedeu” no cargo ao seu pai e durante os primeiros dous meses escenificou un cambio de talante repetindo o mantra de que os que tivesen practicado prevaricación, tráfico de influencias ou cofeito desde posicións de mando, fosen quen fosen, terían que ser apartados da vida política. Pero esqueceu dicir que o seu pai empregou importantes sumas de diñeiro para chamar co telefono oficial, un por un, a tódolos alcaldes da provincia para “pedir” daquela maneira o voto para o seu fillo. Nesas semanas electorais Baltar pai chegou a entregar asignacións de diñeiro a alcaldes en metálico.

É doado deducir que a elección de Manuel Baltar estaba contaminada de partida, como ven a demostrar, demasiado tarde, esta sentenza que o inhabilita cando xa a ninguén lle importa un carallo. O dito, a Xustiza é un cachondeo, por mor da dependencia dos xuíces respecto do Poder executivo.