Etiquetas

Xa saíu a clase política, a que busca na profesión o beneficio persoal, a rendibilizar á vítima, a sacar rédito moral do asasinato da presidenta da Deputación de León. Como se non fora algo que atinxira ao conxunto da sociedade. E máis vale que sexa así, porque se do que se trata e de botar contas do sufrimento por faccións, sería incontestable que onde aniña é no conxunto de cidadáns que padecen fame, miseria, desfiuzamentos, abandono e silencio por parte de unha Administración para a que son só números a máis de un estorbo para o encaixe das cifras macroeconómicas. A insensibilidade dos que cobran varios soldos, pluses, dietas nun exercicio de depredación dos recursos públicos que por máis que teñan legalizado non deixa de ser inmoral acada cotas que fan medrar o odio social, o resentimento e a rabia de millóns de españois cun futuro no que non entra a luz da esperanza, mentres no día a día a supervivencia pasa por recibir axuda da beneficencia de organismos e entidades á marxe da vontade dos plíticos.
É un milagre que non se teñan producido magnicidios neste país en resposta aos asasinatos fríos e programados que provoca a política de recortes na sanidade, a sangría da corrupción xeral entre os altos cargos e dentro dos aparatos dos partidos maioritarios, a Reforma Laboral e o apoio aos esquemas de inversión e localización do gran capital. Por iso deploro o ton de gran parte dos medios de comunicación, que din sentirse alarmados pola escalada de violencia na sociedade . Eu dígolles que os feitos avalan que a xente do común é ben pacífica, tendo en conta as agresións de que está sendo obxecto a diario. Pero tamén lles digo que baixen á rúa para percibiren que tanto sufrimento vai queimando a sensibilidade, e que a clase política corrupta fixo méritos dabondo para que hoxe non exista un clima de fondo pesar pola morte da presidenta de Deputación. Lamentable? Si. Comprensible? De máis.