Etiquetas

, ,

Suárez era un tipo íntegro. Hai que ter en conta que viña da falanxe e do franquismo para tomar responsabilidade na apertura cara a unha democracia. Os que vivimos esa época convulsa como universitarios, moitos dende as antípodas ideolóxicas, valoramos a súa capacidade para facer saír adiante a un país no que o ruído de sabres era continuo e a dereita, anacrónica e nostálxica.

Ademais, Suárez houbo de lidar coa deslealdade do socialismo de novo cuño, alimentado por tecnócratas disfrazados de idealistas pero animados pola fame atrasada de poder. A coherencia e o talle moral de Suárez son os propios dun home con dimensión de Estado e disposición a encontrar o que de común unía a formacións políticas diversas. Os outros presidentes da democracia, non obstante, fixeron da rivalidade e a partitocracia a súa razón de ser. Por iso estes días non quixen saber nada de homenaxes por parte dos mesmos que o utilizaron e o atacaron no persoal ata defenestralo.
O propio rei, que fai gala da súa amizade inquebrantable, viroulle as costas nos momentos de maior dificultade e violencia subterránea. González converteu en casus belli contra Suárez un contexto social e histórico que, en cambio, demandaba unión e lealdade; logo recibiu da súa propia medicina por parte de Aznar. E así sucesivamente, no que se pode catalogar de verdadeiro paso atrás no que debe ser a dinámica parlamentaria democrática e de pontes tendidas ao diálogo. A política de Estado converteuse nunha praxe aceptada de sucesión de ditaduras de catro anos, nun clima normalizado de mesquindade, mirada ruín e curta de horizontes por parte de prosélitos sectarios, con comportamentos gregarios ao abeiro do paraugas que une os seus intereses espurios.
Só cabe unha precisión, importante, neste panexírico de Suárez: maior mérito que a súa achega á transición a un estado democrático o atesoura, sempre en primeiro lugar –incluíndo o valor da mobilización popular-, o papel da resistencia e a loita do Partido Comunista: un movemento medio aniquilado pola bicha xenocida que á súa volta non pediu en ningún momento que quedarán sen efecto as decisións sucesorias de Franco; non pediu a renuncia e/ou destitución dun xefe de estado imposto polo golpismo e tampouco clamou pola deshabilitación dunha monarquía que fora imposta para impedir a restitución da República.
É unha cuestión de tempo, pero xuntos e sen recorrer nunca a un ápice de violencia, PODEMOS superar este modelo de xerarquía anacrónico, tristemente baseado no mantra que dende os poderes fácticos e a bicefalia se empeñaron en acuñar e que aduce que sen a existencia da monarquía os españois volveriamos matarnos, esquecendo que a guerra foi a consecuencia dun golpe de Estado dende a cúpula e non ao revés.