Etiquetas

[…]

P,- Daquela, distingue vostede una Europa de dúas velocidades, con España no furgón de cola?

R,- De dúas o case que, mellor, de tres. Pero tamén en España hai desigualdades sangrantes. Cáusame estupor ver como hai unha clase de favorecidos, con xubilacións anticipadas, as veces ¡aos cincuenta anos!, cuxo maior sufrimento, en moitas ocasións, foi un traballo nunha oficina con calefacción no inverno e ar acondicionado no verán, que non tiñan nin que ir cagados nin almorzados da casa, e con horarios de oito a tres. Ao mesmo tempo, vexo a transportistas, estibadores, peóns de obras en escavacións, albaneis, asfaltadores arrastrándose ate que non poden máis para logo ter pensións de supervivencia.

P,- Si, elle ben certo que hai moitas diferencias entre os xubilados alemáns que pasean o seu retiro coa barriga ao sol todo o ano en Tenerife e os pensionistas de calquera vila ou aldea españolas.

R,- Se vostede está a referirse á influencia do clima na felicidade, direille que a ciencia médica ten demostrado o efecto beneficioso do sol para o equilibrio da sopa cerebral. Mais iso só non garante a felicidade. A boa situación económica tampouco, aínda que si axuda moito. O que si semella ser máis determinante é o grao de socialización das persoas, o tamaño da súa interacción cos veciños da comunidade e a habilidade para facer novas amizades. Vostede aludía á felicidade dos alemáns ao sol de Tenerife. Ben, direille que o xeito en que eles semellan ser felices non é o que elixirían a meirande parte dos españois. Alí o Cabildo trazou unha completa rede de sendas peatonais nos bordes litorais pola que pululan, desde ben cedo e cun andar autómata, parellas de xubilados alemáns e británicos, focalizados en vivir con benestar físico o seu retiro. Levan a cabo tódolos días idéntico plan de vida: érguense cedo e despois dun almorzo pantagruélico, camiñan dúas horas; leen o xornal namentres toman o aperitivo, en silencio; van xantar sobre a unha, case que sempre na casa, en cuxa intimidade os alemáns beben en abundancia. Logo botan unha sesta de hora e media; xogan ao golf dúas horas, despois baño na piscina e ducha para ir como novos á cervexaría onde aproveitan a hora feliz e toman dúas pintas polo prezo de unha. Ás oito séntanse a cear nun dos restaurantes de sempre para estar de volta na casa ás nove e media, a tempo aínda de tomar un grolo e, se cadra, practicar o sexo. Non sendo que organicen unha festa na casa ou asistan á que organiza algún dos amigos compatriotas, a comunicación e o contacto diario non sae fora das lindes da parella. E iso é así un día e outro. Nada que ver cos costumes do noso país, no que a taberna ou o bar segue a ser un foco para o encontro. O alcohol bébese en sociedade e o mundo xira non só en torno á familia senón tamén contando cos tendeiros, o vendedor do cupón, o farmacéutico que mide a tensión, os outros xubilados, os gardas, os compañeiros, conocidos ou anónimos, que comparten na barra o espectáculo do fútbol. Aínda que podres de diñeiro, a mirada umbilical dos alemáns, tan pechada sobre un círculo moi restrinxido, tenos levado a vivir nun estado máis de tranquilidade que de felicidade. Porque esta esixe paixón, unha emoción que no imaxinario colectivo dalgúns pobos é identificada como extenuante e xa que logo, evocada pingueira a pingueira.
Non estou a reivindicar, con solemnidade presuntuosa, que sexan máis felices os paisanos que xogan ao dominó na tasca dun barrio de calquera cidade galega que os golfistas alemáns e británicos do Sur de Tenerife. Suxiro, porque coñezo a ambos os dous colectivos, que o cultivo da creatividade en calquera ámbito ou aspecto pode aportar o mínimo pulo preciso para atopar motivación no feito de vivir. E nese senso o escenario dunha comunidade de veciños inter-actuando e poñendo a proba as habilidades para sacar o mellor dun mesmo segue a ser, tamén a xuízo dos psiquiatras, o mellor instrumento para que a xente se enganche á vida. Nos momentos máis duros de recesión económica, semella que a fame e máis levadeira cando miras arredor que hai moita xente en circunstancias semellantes, compartindo o pouco que haxa para repartir.
Para acadar esa felicidade, para poder desenvolver a resilencia que ten feito lonxevos a personaxes que pasaron as de Caín, guerras, torturas e privacións, non abonda coa vontade, por máis que semella que é así. Hai tamén un factor determinista: a herdanza, a xenética, que ao fin tamén ten protagonismo na misión de compoñer a nosa sopa cerebral, e o noso torrente hormonal para configurar un perfil tan individualizado e único de neurotransmisión. Cando as circunstancias ou a xenética ou ambas as dúas cousas se interpoñen no noso camiño á felicidade “razoable”, cobra unha grande importancia a aplicación da inmersión en actividades interactivas. Se importantes son os programas de reinserción de delincuentes tamén o son aqueles que recuperan para o concerto social aos illados, aos que abandonaron as actividades máis cotiáns e mesmo nimias que implican exposición ao público, como ir á perruquería ou, xa non digamos, asistir e participar nas actividades do club de pensionistas, nas festas do barrio ou na partida de petanca.
O confinamento en cidades dormitorio, sexa nos barrios de calquera gran cidade ou nos enxames de apartamentos turísticos en calquera punto da costa, comporta grandes riscos de illamento. Ás autoridades non lles preocupa. Pola contra, foméntano para acelerar os procesos de desunión, de desintegración, de afastamento entre células que non teñen a percepción de formar parte dun só órgano rexente. Vivimos tempos de desafección, se cadra só superada en movementos de masas nos que o anonimato está garantido tras dun obxectivo pouco comprometedor, como é o de apoiar a un club deportivo. Durante as dúas horas que dura un partido de fútbol o afeccionado, mesmo na soidade do seu salón, percibe como o seu sentimento de desarraigo se esvaece só polo feito de saber que varios centos de miles de persoas están a compartir con el idéntica pulsión.
Pero na vida diaria as autoridades políticas eliminaron as ágoras, os espazos para o encontro e o debate. As xentes son precipitadas a unha vida consumista nas grandes superficies comerciais, caracterizada pola nula necesidade de expresión personalizada das capacidades para a participación, o xogo, a inter-accción social.

© Santiago Casal. Ensaio