Etiquetas

A alcaldesa de Madrid quere que a cidade dea unha nota ben alta de cara ao turismo internacional e só permitirá tocar na rúa como medio de recadar unhas moedas a aqueles que amosen bo dominio musical. Semella unha burla, unha agresión directa, e un descoñecemento total dos mecanismos que hai detrás da filosofía de dar o mellor que un ten a cambio da vontade da xente de ben, para poder seguir enganchado á vida. Máis aló da variedade cualitativa dos rexistros a fórmula acada a excelencia dentro da escala de valores humanos.

Proba dos músicos para decidir a súa “capacidade”

  Pero deste asunto sabe pouco unha alcaldesa instalada permanentemente nunha torre de cristal que de cando en vez trae á palestra os mandados do seu home, pouco resignado a non estar na primeira liña de actualidade. A ela, sen embargo non lle faltaron arrestos nin sentiu vergoña ningunha co seu desenvolvemento moi por baixo da cualificación mínima esixible diante do COI no proceso de selección da sede olímpica. Nin cando suxire que hai que acotar o dereito á folga, ou despreza a homosexualidade (“no se pueden mezclar peras con manzanas”¿!)… Ela e a súa familia xa teñen pagado, pola presión social, os cen mil euros en bonos para recibir clases de golf, pero aínda teñen a ocorrencia de visitar con abrigo de visón aos limpadores dos servizos mínimos ou de sacar peito sobre que eles, e só eles, representan o papel protagonista na historia do progreso “da humanidade”, cando o certo é que o seu home é culpable de crimes de lesa humanidade.

   Namentres, o xefe da Reserva de valores, Rajoy, xira aínda máis á dereita para conxurar a tentación dos Esperanzistas e afirma que España non é Uganda. E vai ter razón, pois aquí medrou máis que no país africano no último ano o índice sobre a corrupción. Só Siria nos ten superado en 2013 nesa ratio, na que España ten superado, neste solar administrado pola reserva espiritual de Occidente, a Guinea, Gambia, Mali e Libia, os seguintes na lista.

Santi Casal