O Executivo ven dando pasos de xigante no acoso á liberdade de expresión. Asistimos ao proceso crecente na afección de boa parte dos mass media privada ao servizo da propaganda que subvirten os valores que inspiran aos movementos de indignación fronte ao abuso de posición dominante e os continuos aldraxes anticonstitucionais que co fin de facer cadrar as variables macroeconómicas blindan ás grandes corporacións fronte á crise que elas propiciaron.
Hai un sindicato do odio formado polos instrumentos da Conferencia Episcopal e das elites financeiras que presentan como delincuentes, a diario, e como traidores para coa patria a cantos non comungan coas súas ideas, e que, sen embargo, exoneran aos ladróns de luva branca, e miran cara outro lado cando a merda emporca ao seu Partido, aos directivos de empresas doadoras e á Monarquía.
Da última volta de torca o protagonista e Fabra, loado como un heroe, ao decidir o peche de Canal Nou. Unha circunstancia que o sindicato do odio aproveita para pedir o peche de tódalas cadeas autonómicas para gañar dese xeito unha cota de pantalla importante e eliminar competidores incómodos.
O feito de que unha comunidade con lingua propia diferenciada perda un vehículo de expresión e de servizo público é unha circunstancia dunha gravidade formidable da que so o paso do tempo pode dar unha medida aproximada. O servizo que a radio e a televisión de Galicia teñen prestado en favor da normalización cultural e do proceso de dignificación e posta en valor do noso país no imaxinario colectivo é un dos fitos máis importantes do postfranquismo.
En Valencia a cousa era sentar no banco dos acusados a Zaplana e Camps por ter velado á ruína ao ente autonómico. Pero unha xestión nefasta non anula a necesidade primordial de contar cunha plataforma pública coa xenética do país ao que serve. Altas comisións de inter mediación están detrás do pago de fortunas por exclusivas sobre a viaxe do Papa ou a respecto da cobertura do Gran Premio de Fórmula 1. A rendibilidade política e o pago de favores motivaron unha sobre contratación de recursos humanos e materiais, nun exercicio de nepotismo que poñía, con cada nova incorporación, máis en perigo a viabilidade do Recurso.
As implicacións terían de ser de índole penal para os antecesores de Fabra, e un motivo non de loa da valentía senón de contrición no nome do Partido que gobernaba e goberna e un paso adiante na reparación e verdadeira solución fronte a tanto despropósito: auditoría externa, xuízo aos responsables, saneamento e consolidación do Canal Nou como o que non lle teñen deixado ser: un medio ao servizo do interese público, non para competir co sector privado senón para facer país día a día, sen censuras, sen imposicións para facer propaganda e dar cobertura á axenda dos endeusados que manexan os fíos desde os despachos do poder político, sen servir a outro amo que non sexa a Comunidade Valenciana no seu conxunto.

La Universidad pública está siendo quemada

La Universidad pública está siendo quemada