Cando se trata de desviar a atención sobre a responsabilidade das persoas nos aconteceres o máis fácil e atribuír todo a un fatum sobre o que nada está nas nosas mans para mudalo. Non me resigno a aceptar o etiquetado de Galiza como o país no que cada dez anos hai que cantar negra sombra nos especiais dos programas orquestrados desde a capital do reino e chorar desconsoladamente as desgrazas.
Os Urquiola, Mar Exeo, Erkovitz, Prestige… o “accidente” ferroviario de Angrois non sucederon por casualidade. Teñen máis que ver coa falta de prestixio dunha nación, a galega, pisoteada e que non é respectada sistematicamente nin a nivel internacional, en Bruxelas, nin no contexto estatal: a Historia amosa documentalmente o abuso de poder e o trato diferencial contrario ao dinamismo do pobo galego para favorecer intereses do centro e doutras comunidades. Así, foron arrasadas oliveiras e viñas, pechados portos ao tráfico con América, favorecidos arancelariamente e con carga de pedidos outros centros de produción privilexiado fronte aos galegos… o sector agropecuario e leiteiro foron desprotexidos fronte a operacións invasoras do capital estranxeiro mesmo favorecidas desde a clase política…
O accidente de Angrois está nesa liña de trato diferencial a Galiza, ao desprotexer dos sistemas de seguridade aplicados en toda a rede estatal de Alta Velocidade, de súpeto, por aforrar catro cadelas nunha inversión multimillonarias, un tramo de catro quilómetros cun punto recoñecido como negro polos especialistas e a Administración. A redución desde os 220 quilómetros por hora ate os oitenta logo dun percorrido practicamente en recta desde Ourense queda supeditado exclusivamente á actuación dun único maquinista e as súas circunstancias.
Ese elemento diferencial no trato que recibe Galicia, relacionado coa nosa incapacidade para facernos respectar, é o mesmo que inspira as críticas dos contertulios de Ana Rosa Quintana o do programa de Luis Herrero hacia o Presidente Feijóo por dirixirse en galego aos cidadáns de Galiza. Os programas de Ana Rosa, Luis Herrero e os que desprezan así a Galiza son copartícipes do proceso que leva a Administración a considerarnos cidadáns de segunda dentro do Estado e a levarnos, ao fin, pola senda desas desgrazas atribuídas ao destino e que non son outra cousa que a consecuencia do abuso centralista e o desprezo institucional e dos medios da corte.