Etiquetas

, , , , ,

Deberíamos establecer un límite porque el daño que eso produce a las personas y a la institución se tendría que cuidar” Ignacio González, Presidente da Comunidade de Madrid, sobre as publicación en “El País”  referentes a Núñez Feijóo

O xornalista e o mediador intelectual entre a opinión pública e as clases dominantes

    Hai uns días, neste propio espazo o compañeiro Santiago Casal publicaba o post “Matar ao Mensaxeiro”, unha mensaxe convidando á opinión pública a reflexionar sobre a escala que está a acadar a mala imaxe do xornalismo e do xornalista.

O certo é que nestes últimos tempos, da man da xa aborrecida “marca España” van as plumas, as cámaras e os micros dos xornalistas deste país. Segundo o barómetro do CIS, o xornalista (xunto co xuíz) xa é o profesional peor visto tras o político, algo canto menos alarmante. A cidadanía comeza a aborrecer a figura do xornalista, non sei se tanto por ser aquel que destapa todo tipo de escándalos que fan do noso un país de bandoleiros ou polo prototípico tertuliano das sobremesas que convirte os platós de televisión en auténticos burdeis. Esta imaxe que se ten do xornalista é moi perigosa: xa non só esta supeditado á empresa informativa, a cal coarta o seu exercicio da liberdade para achegar a verdade, tamén está estigmatizada pola visión distorsionada da opinión pública. Parece que, coma na política, no xornalismo só ascende o mediocre, porque ao verdadeiro xornalista que procura a preparación intelectual das masas coma un contrapoder que facilite o dereito democrático de ser cidadán, non se lle deixa ascender: coñecemos aos “Hermann Tersch”, aos “Francisco Marhuenda”, aos “tertulianos do Sálvame”; pero non aos “Bruno Cardeñosa”, ás “Amaia López de Munáin” e, en definitiva, a todos eses xornalistas que loitan cada día por achegarnos a verdadeira información en profundidade que facilita que a cidadanía conte cunha boa capacidade analítica, garante dunha verdadeira democracia.

  Se poñemos coma exemplo o caso de Nuñez Feijóo, resulta que o culpable é o medio por sacar unhas fotos en determinado momento e non noutro, por acender de novo as fraguas dunha realidade lonxana (pero patente aínda na contemporaneidade arousana e galega). O culpable de ter tido unha relación cun narcotraficante (con maiúsculas, NARCOTRAFICANTE) é o Presidente da Xunta, non o fotógrafo, nin o medio que proporciona a información á opinión pública. Non se deixen enganar, Marcial Dorado xa estaba nas listas da DEA norteamericana dende o ano 1991, tras reunírense en Miami con diferentes líderes de “cárteis” da droga norteamericana. A documentación está aí, e o Partido Popular non debe relaxarse, xa que hai moito alto cargo metido neste lameiro, non só Feijóo. A xente ten ao seu alcance esta documentación para poder esixirlle ao Presidente da Xunta que sexa franco dunha vez. Porque na súa indiferenza agóchase a prepotencia dun home incapaz, tan sequera, de pedir perdón ás nais afectadas pola catástrofe do narcotráfico en Galicia.

O mesmo paradigma de “matar ao mensaxeiro” pode aplicarse nos casos “Nóos” ou “Bárcenas”. Por iso é importante que a opinión pública teña en consideración aos verdadeiros xornalistas, aos que fan desta unha profesión pola que paga a pena pelexar, xa que é unha das mellores armas coa que pode contar a poboación para confrontar (democraticamente falando) os excesos das clases dominantes, para ser cidadáns día a día, non só cada 4 anos. Non hai xornalistas bos ou malos; hai xornalistas, e sicarios da verdade.