Etiquetas

,

   Por que lles ha custar tanto aos presuntos delincuentes de status económico elevado pagar polos seus erros?

  Será que durante anos pensaron que estaban máis aló do ben e do mal, mercando compulsivamente bens de equipo ou roupa de marca durante maratóns de dous días pola milla de ouro neoyorquina ou nos almacéns Harrods tirando de tarxetas que semellaban alimentarse soas?

   Será que esquiando en paraxes inaccesibles para o resto dos mortais tiñan a sensación de estar a medio camiño entre o chan e o Olimpo?

  Algúns da clase media, cando acceden á categoría de novos ricos pola porta traseira, levan impreso un desexo de exhibicionismo da súa nova condición ata compoñer escenas patéticas ou mesmo esgrimir desafiantes “peinetas” ao mundo do que proceden considerando que son motivo da envexa colectiva.

   Xa me sorprende máis ese vivir entre viño e rosas mediático cando se dá en contextos de “sangue azul”, onde se supón que o luxo non é máis ca unha consubstancia desde o berce. Sen dúbida a contaminación da realeza ao mesturarse con plebeyos ambiciosos ten os seus riscos, nada desdeñables se non se quer caer en incoherencias, en actitudes desacordes coa estirpe e mesmo na trampa de querer vivir a toda costa por riba das posibilidades, mercando pazos a creto co aval de salarios declarados por cantidades ínfimas. Claro que mesmo neste punto, a monarquía española, que foi reintroducida no papel de reinar por un ditador que executou a miles de prisioneiros “políticos” despois do golpe, aterrou na Corte lastrada, radicando na banca suiza unha cantidade de diñeiro inxente de cuxa procedencia só don Juan podería dar detalles.
De aqueles “polvos” veñen estes lodos de agora.

© Santi Casal