Etiquetas

,

Manobras de distracción

 Xa Adam Smith advertira de que o egoísmo e o motor que alimenta o capitalismo a ultranza e leva á escravitude moral á poboación. A oligarquía que é dona das grandes Corporacións ten habilidade e coñecementos dabondo para incriminar á clase política e conseguir que o foco prioritario de atención dos cidadáns e dos medios se sitúe sobre os que teñen responsabilidades públicas e malversan os recursos de todos. As sancións ás grandes empresas por prácticas fora da lei son irrisorias, un pretexto para dar a entender que os mecanismos regulatorios funcionan. Pero o realidade é que as súas señorías fan unha pregunta tipo nos parlamentos de cando en vez para xustificar soldo e dietas e non ven o momento de mudar leis que teñen cen anos sobre temas cuxa mala abordaxe, anacrónico, da vantaxes ao que está en posición dominante, en contra dos dereitos que presuntamente concede a Constitución. E todo ilo nun clima no que o recurso a certos pleitos só é posible xa para os ricos.

A marea de corrupción nos grandes partidos, con exercicio de poder e acceso á caixa, susceptibles de ser metidos para dentro coas prácticas mafiosas do gran capital, está a facer caer estimacións de voto, valoracións das persoas e criterios de autoridade moral ate un punto sen precedentes na inmadura democracia española. Mais os líderes dos partidos maioritarios saben que a súa maquinaria de propaganda non ten competencia, chegado o momento das campañas, noutras opcións máis pequenas. Por iso a historia de PP e o Psoe e unha sucesión rítmica de caídas e ascensos. E as ratas que semellan abandonar o barco, non chegan a facelo, porque saben que non se vai a afundir. A frase “témolo que merecemos” reflicte o empecinamento da poboación en non ver máis aló do bipartidismo hexemónico e privativo. Aínda que poida parecer mentira, o Partido Comunista (IU), que soportou durante corenta anos os maiores custos dunha loita pola recuperación dos dereitos fundamentais dos cidadáns, nunca mereceu o mandato de gobernar por parte dun pobo trillado pola propaganda franquista e que segue a preferir abonarse ao derrotismo e á descalificación xeral denantes que imaxinar que outra realidade é posible.

Entrementres, no PSOE e no PP sacaron as facas aspirando a eliminar inimigos e situarse en primeira liña de saída nos vindeiros comicios. Esperanza Aguirre é o paradigma: aparentemente para o cidadán queda fora de sospeitas a súa inocencia en temas de corrupción, tanto porque expulsou fulminantemente aos corruptos do seu entorno como por adoptar actitudes exemplares cando declara que Ana Mato debe dimitir e reitera, ubicua, a xeito de mantra ben aprendido que cumpre rexenerar o partido. Esquece Esperanza que ostenta un record a respecto da cantidade de adláteres e cargos do seu equipo que tiveron que dimitir por corruptos. Iso sen contar persoas recomendadas por ela para dirixir entes e entidades públicas que logo resultaron estar tocadas pola Gürtel. Tampouco falan ben dela a condición dos amigos dos que se rodea. Como lle pasa ao Borbón, amigo e compañeiro de cacería de Díaz Ferrán, Arturo Fernández o Jauma Matas. Semella que Esperanza -tamén Rajoy- está tan empachada de poder e confiada na potencia do PP que con dicir que a Organización vai pasar por un proceso de rexeneración é motivo suficiente para recuperar a confianza dos electores, esquecendo que tamén conta o crédito moral, a catadura dos que presuntamente van a facer realidade ese mantra que, xa a moita xente, está a importarlle un “carallo”.