Etiquetas

Quo usque tandem abutere, Catilina, patientia nostra? Os meus fillos, rematando a carreira, choran cando ven os “partes”. Séntense apátridas e preparan as maletas. Un asco que está a impregnalo todo, en todo momento. Sen embargo, por máis que medre a bola de neve da corrupción, por máis que a proporción de delincuentes dedicados á cousa pública sexa xa escandalosa, non atopo xeito mellor de aspirar a un modelo de convivencia que a través da democracia; e iso a pesar dunha vocación subxacente e en aumento na miña persoa a prol da anarquía no senso máis utópico.

Ogallá non fixera falta o papel das institucións para velar por unha sociedade máis xusta e solidaria. Pero o certo é que sen elas sería impensable unha redistribución da riqueza para dar protección universal e sobre todo a quen máis o necesita.

Como Cicerón hai dous mil sesenta anos coido que non é a Política a culpable da subversión dos valores senón os que se serven dela para o seu enriquecemento por riba do interese colectivo. A bicefalia en España ten servido para facer quendas a ver quen rouba máis, convertendo a presunta democracia nunha sucesión de ditaduras se temos en conta os incumprimentos dos programas, é dicir, dos mandatos dos electores.

A clase política que emporca o bo nome da cousa pública, da res pública, tense protexido con leis que a converten unha casta de cidadáns privilexiados sobre os de a pé respecto da acción da xustiza, e blindados para o futuro. A democracia, o goberno desde o pobo para o pobo, tense substituído por unha partitocracia, co agravante de que aos partidos non os controla nin Deus. As súas señorías nunca atopan o momento de lexislar e sobre todo de facer que se cumpra a lei respecto do establecemento e actuación de mecanismos de control que eviten o panorama dantesco que estamos a vivir, cun Estado agónico, sen crédito moral nin entre os seus propios cidadáns nin cara ó exterior. Auditorías externas, sistema listas abertas, fiscalización da contabilidade, lei de financiamento dos partidos… fan falla elementos indispensables para asegurar que o interior das grandes organizacións deixen de albergar segredos encriptados, grandes bolsas de diñeiro sucio procedente de pagos por adxudicacións irregulares e por trato de favor e tráfico de influencias, cartos salpicados desde a facturación por traballos nunca realizados, etc, etc. O embaixador dos EE.UU. En España alerta da necesidade de transparencia no que atinxe á financiación dos partidos en España para manter limpo o prestixio da marca España. Sen embargo os EE.UU. de Norteamérica son mestres na práctica legal e falta de ética de “as portas xiratorias”: transvase de directivos desde as empresas privadas ao Goberno para volver logo ás empresas. Esas corporacións financian as campañas e acadan un xeito de facer política “amigo” dos seus intereses. En España estáse a copiar ese modelo pero o que prima é que os nosos políticos son os emporcados. Nos EE.UU. a corrupción mancha aos políticos pero desde unha concepción da propia Política que introduce fórmulas clasistas para defender intereses oligárquicos. De tal xeito que o noso modelo ten de inspirarse noutros referentes, aínda non contaminados, onde están arbitradas medidas rigorosas de control sobre o funcionamento interno dos partidos e os políticos son xestores na gran empresa común, o Estado, sen máis poder que o que lles dá a capacidade profesional: Finlandia, Nova Zelandia, Escandinavia son modelos de referencia para acabar coa partitocracia e reinstaurar o prestixio da dedicación á cousa pública, á res pública, á República.