Etiquetas

, , , , , ,

  O mediocre triunfa na sociedade. A incompetencia, os enganos e a figura do trampulleiro son os axiomas da nosa democracia. Habitualmente confundimos igualdade de oportunidades con promoción do vulgar, e son conceptos ben dispares.

  O ámbito máis paradigmático no que cómpre deterse é o da política. Temos un sistema que cos anos permitiu que as persoas menos válidas acadasen os postos de maior responsabilidade. O noso Presidente do Goberno é un home que non é capaz de falar en público para dar explicacións de absolutamente nada. A Ministra de Emprego e os Ministros de Facenda e Economía non fan máis que mentir e errar nas súas prediccións, que nin sequera son súas, son dos seus “asesores”, entre os que seguramente poderiamos atopar a algún meigo de medianoite destes que saben reconducir os seus erros para levalos ao seu terreo inmediatamente: “Chámaste María non si? -Non, Marta. -Bueno, sabía que era con M”. A fórmula é sinxela ata para eles: “(t)= En t+1 baixará o paro.” Exemplo: (2011)= En 2012 baixará o paro. (2012)= En 2013 baixará o paro… E así ata que a masa deixe de tragar con todo, cando o paro xa non poida subir máis.

  Non nos podemos queixar de malversacións de fondos, de corruptelas, de medidas antidemocráticas e demáis se permitimos un sistema no que os tramposos son premiados e os traballadores castigados. Como non van roubar Urdangarín, Bárcenas ou Camps, se son persoas tramposas que chegaron a onde chegaron por mediocres? O extraño sería que foran persoas xustas; así é a nosa sociedade, da que presumimos polo mundo adiante.