Etiquetas

, , , , , , ,

O pasado xoves 9 de novembro algúns dos empregados afectados polo expediente de regulación de emprego do diario El País achegáronse ata a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de aclarar aos estudantes de xornalismo os motivos e as consecuencias deste ERE.

   El País, único diario europeo que estaba a dar beneficios, sucumbe ante a absorción do grupo PRISA (que por contra si estaba ao borde da creba) por parte da inversora ianki Liberty Acquisitions Holding, que se convirte automaticamente na máxima accionista da corporación comunicativa. Por que digo sucumbe? porque este movemento financieiro supón a almoeda dunha das últimas liñas editoriais potentes que ousaban arrementer contra o sistema socioeconómico capitalista (que por outra banda lle daba de comer). Neste contexto (2010) Juan Luís Cebrián, un home xa arraigado na corporación, pasa aos mandos da nave; dous anos despois comeza a purga en El País.

Despois de cargarse parte da reputación (inter)nacional do xornal do grupo que está a dar beneficios, a nova diretiva decide que ante a débeda inasumible de PRISA  “hai que reducir custos”. Medidas? Un ERE de máis de 100 profesionais no diario El País. Por que practicar un ERE nun medio que da beneficios? Porque acolléndose á nova reforma laboral do señor Mariano Rajoy, calqueira empresa que experimente un decrecemento nos seus ingresos (aínda que non dé perdas) durante tres meses consecutivos pode practicar un expediente de regulación de emprego; austeridade. Cebrián aproveita para botar a estes profesionais á rúa e para mandar a outros tantos a México a traballar en ElPaís.es e así evitar ter que lles pagar cartos extra por nocturnidade; austeridade. Agora ben, o seu soldo ten que ser de 14 millóns de euros anuais, porque os bos profesionais teñen que estar ben pagados; austeridade.

Non sei a quen lle escoitei dicir que o bo xornalismo estase a afastar cada vez máis dos grandes medios, pero téñolle que dar toda a razón. O grupo PRiSerty Acquisition” pensa en clave económica, non xornalística, e os seus donos lambefoulas (perdón pola expresión) Nicolas Berggruen e Martin E. Franklin frotan as mans ao outro lado do océano co negocio de fragmentar El País.

A democracia e o xornalismo son o paradigma do matrimonio ideal: nun momento crítico para os dous, o bo xornalismo loita por saír adiante cunha migalla de pan reseso mentres a decadente democracia gasta o pouco que hai na “comecartos”; austeridade.