Etiquetas

, , , , ,

España desfaise, ou iso nos din, ou iso vemos, ou vivimos. Que se prima de risco (que non a curmá de Vicente, que non ten nada que ver), que se débeda infinita, que se rescate financeiro, crise, bla, bla, bla, bla, bla… O único máis reiterativo neste momento que pode saír da boca do líder do Goberno é “mire ushté”. E que significado teñen todos estes termos?, vexámolo.

Dende todo o século XX os expertos en economía trataron de introducir a súa doutrina coma unha ciencia exacta, pero o certo é que non é tal. Que pasa, que por utilizar fórmulas matemáticas complexas, estatísticas e indescifrables xa ten que ser “palabra de Deus” pois non. Non hai moito, veume á mente un texto do recoñecido economista Tim Harford no que analizaba a situación actual dende un punto de vista Ricardista. Neste texto, Harford poñía o exemplo da cadea de cafetarías Starbucks para xustificar a teoría do valor e a escaseza de Ricardo: En cada saída do metro de Washington D.C. hai un Starbucks, que vende o café a dous dólares e cincuenta e cinco centavos. Os críticos din que é un prezo abusivo e que o Starbucks saca un gran rendemento dun café que apenas lle custa corenta centavos, pero no camiño deixan moitas variables. Por que non hai entón nese lugar unha cafetaría calquera que venda máis barato? Moi sinxelo, polo arrendamento a pagar. O propietario sabe que esas zonas están ateigadas de traballadores de grandes empresas que están dispostos a pagar o que gañan en dez minutos por recibir rápido unha dose de cafeína e sabe que o Starbucks o sabe e que polo tanto, está disposto a pagar un alto prezo polo arrendamento deses locais situados preto das estacións. Pero ademais do arrendamento ten que pagar os soldos dos traballadores, o papel dos vasos, as cafeteiras, etc. Non sacan ese rendemento tan amplo porque a situación de escaseza de locais preto das paradas do metro (oferta) e de diversidade de empresas que queren poñer unha cafetaría (demanda) provoca que o prezo do arrendamento creza exponencialmente.  Da mesma forma, hai unha gran cantidade de locais en aluguer (oferta) noutros puntos da cidade (chamados marxinais, porque teñen menos valor comercial que os outros, pero son os seguintes nos que se poría unha cafetaría), pero poucas multinacionais dispostas a poñer alí unha franquía (demanda), polo que os prezos neste caso estarían polo chan. Pero o que non ten en conta Harford é que aínda existen máis variables que precisamente provocan que a teoría económica non sexa unha ciencia exacta chea de flutuacións previsibles e de cálculos exactos que derivan en diferentes ciclos económicos.

Non trato de complicar máis a retórica destes novos sofistas, para nada, simplemente hai que pensar no seguinte: quen é o que lle di a Tim Harford que os traballadores teñen que ir ao Starbucks obrigatoriamente? O costume, o carácter ovino que caracteriza ás grandes masas de poboación, pero isto non pasa sempre. Non é máis sinxelo levar un termo da casa cheo de café por menos de vinte céntimos de euro? Ou simplemente non tomar café? Se non tomas un café pola mañá non es persoa? É estritamente obrigatorio?, por suposto que non, o único que fai que pensemos que algo é (se non obrigatorio) socialmente positivo ou beneficioso é a publicidade. Por que non se di que facer dez minutos de ioga pola mañá é o mellor que hai?, porque non lle dá rendemento a ninguén, pero tomar un Actimel no almorzo é o non plus ultra: podes ir correndo espido baixo a chuvia ata a escola que non colles gripe nin para atrás. Velaí o problema, os intereses ocultos do capitalismo, das grandes empresas que controlan actualmente a enerxía, os medios, os Gobernos e que poñen por diante da vida do ser humano o aumento das súas riquezas. Esa avaricia é a que está a condenar ó ser humano á súa propia destrución.

Sexamos realistas, hai recursos suficientes no planeta para que ninguén pase fame nin sede, tamén existe a tecnoloxía para curar as peores enfermidades; incluso existen modelos de enerxía sostibles, ao alcance de todos e infinitos, pero non interesan. Os que deciden o que interesa e o que non teñen unha visión tan curtopracista que o único que lles importa é encher o peto ata rebentalo de cartos, son adictos ao dólar. A crise mundial ten nomes e apelidos, pero tamén un obxectivo, una nova orde mundial baseada na ditadura financeira (moito para poucos e pouco para moitos).

Todo isto está a suceder hoxe no mundo, a crise socioeconómica é un feito. E en España? que está a pasar? Por que temos que pagar máis con menos soldo, por que tanto paro, por que temos que pagar o rescate dos que están a desafiuzar os nosos fogares?

O método da ditadura das grandes riquezas (dos mercados falando en vocabulario de actualidade) baséase nunha regra de tres moi sinxela imposta polos bancos centrais (que ao contrario do que se pensa, non son públicos nin de todos, dependen do capital depositado por estas grandes riquezas): En primeiro lugar estes bancos, nun momento que poderíamos definir coma estabilidade financeira, deciden baixar os tipos de interese coa intención de que a xente, que ve que está coas costas cubertas polo seu traballo, decida mercar unha casa ou un coche; e por que non? a publicidade que o poder controla lles di: “tes dereito a un coche tal e cal e a unha casa con isto e estoutro” . A xente hipotécase e cos tipos de interese baixos prodúcese un aumento do consumo, que á súa vez rebaixa o paro e xera máis xente disposta a hipotecarse. É neste preciso instante cando os bancos centrais dan o seu broucazo: suba de intereses; que nun momento de crecemento, provoca que a xente non poida pagar os seus créditos porque onde antes pagaban oitocentos, agora pagan mil seiscentos.  Baixa o consumo, sube o paro e os bancos deixan deprestar. Queda entón unha situación idónea para o “carroñeirismo” dos bancos centrais: os que prestaronos cartos á xente quedan coas súas casas nos seus activos que co tempo pasan a ser tóxicos (os fogaresnon son cartos e se ninguén quere unha casa, esta non ten valor ningún) polo que todos estes pequenos bancos decláranse na bancarrota e son absorbidos polos xigantes financeiros que repiten este ciclo unha e outra vez ata chegar a onde chegamos, a ditadura dos bancos centrais ou o que é o mesmo, das grandes multinacionais: as actuais petroleiras do que foi Standard Oil (propiedade da familia Rockefeller), Halliburton, Monsanto, J.P. Morgan, Goldman Sachs, etc. Estas non son invencións dun cidadán anoxado, non. Simplemente hai que facer caso á gran premisa do xornalismo de investigación: “Segue ao diñeiro e atoparás a resposta”.

Pois na metade deste proceso foi onde España socavou a súa tumba. Cando parecía que todo o mundo quería unha casa, os iluminados políticos aproveitaron para reforzar o sector da construción cambiando tipos de solo, recualificando e facendo contratos fraudulentos sen ningún plan urbanístico. E que fan as construtoras se lles deixan?, construír, tampouco son parvas. O crecemento é incrible entón, pero está cimentado nunha burbulla, en vendas sobre planos, urbanizacións sen compradores, etc. Resultado: cando estoupa a burbulla mundial, en España estoupa unha bomba inmobiliaria que estaba a latexar dende había anos. Miles de casas baleiras, construtoras en creba, provedores sen cobrar e bancos con miles de casas a medio construír sen ningún valor, centos de miles de persoas ao paro e recesión brutal.

Neste contexto, en España sempre temos ós máis listos da escola, que collen o que poden antes de que o barco afunda con todo. Os directores dos bancos xubílanse anticipadamente levando pensións millonarias e deixando o sistema financeiro español nunha situación de rescate económico. Para máis inri, o Goberno do Partido Popular decide que para reactivar a economía hai que reducir a débeda facendo múltiples recortes porque é o que ditan os mercados, unha débeda pública que non alcanza o 65% do PIB (si, a débeda PÚBLICA de España é máis pequena que a de países como Francia, Italia, Grecia e incluso Alemaña, o problema é a privada). De que forma o podemos facer? Pois quitándolle corenta euros a corenta millóns de persoas que non se queixan en lugar dun millón a cada un destes delincuentes políticos e da banca. Suba de IVE (xustificada polo ministro Montoro como “irremediable” pola fraude fiscal despois de aprobar unha controvertida lei de amnistía), redución de salarios, conxelación das pensións, retirada de subvencións á terceira idade e as persoas discapacitadas, recortes en sanidade e educación, etc. E cando preguntas o por que dinche que: “Eshtamosh haciendo lo que hay que hacer, porque lo que hay que hacer esh lo que eshtamosh haciendo y lo eshtamosh haciendo bien”. Ben está entón afundir as familias ata o limiar da pobreza en lugar de que o sistema xudicial (máis lento e burocraticamente colapsado case que a Axencia Tributaria) se encargue de facer pagar todo o diñeiro que deben ás arcas públicas os políticos corruptos e os banqueiros que roubaron ao pobo. A xustiza non é ter o poder de pagar un bo avogado, a xustiza é que os que delinquen paguen e punto. Non confundir liberdade con libertinaxe (a liberdade é unha virtude que se sitúa no termo medio entre o autoritario e o libertinario). É o pecado de gran parte desta sociedade, pensar “eu podo facer e dicir o que me dea a gana, é liberdade de expresión” , pero a liberdade de expresión deixa de ser un dereito cando dana a un terceiro. Ademais ter dereitos significa tamén ter obrigas e a primeira obriga dun cidadán é utilizar os dereitos de forma positiva e responsable. Outra solución é facer que as persoas con maior poder adquisitivo, os millonarios, paguen máis impostos. Esta é unha medida inxusta dende o punto de vista do liberalismo económico, pero que pode dar moito desabafo ao Estado na loita por reducir o déficit, o que sucede é que o Executivo teme a emigración destas grandes fortunas a outros países sometidos a menos presión fiscal.

De todas formas, aínda que toda esta sopa de verbas soe tan ben (ou mal) hai cousas moito máis sinxelas que aínda son máis incomprensibles, porque si, a sociedade tamén ten parte de culpa neste proceso de deshumanización. Sorprende polo esperpéntico o exemplo da relixión: sendo claros, parece ridículo (con todos os meus respectos) que nalgunhas festas relixiosas apareza a xente chorando ao mirar para o seu santo patrón, ou berrando “viva la virgen” “bendito seas San Antonio, viva, viva” mentres continúa o derramamento de lágrimas, kafkiano. Pero cando hai que gritar polos dereitos calan e non choran por que o fillo estea no paro, pero si por ver unha estatua da “virxe de san dios” e aínda que caia este último exemplo como demagóxico é preocupantemente certo. Outro culto que resulta ridículo nestes tempos é o da tauromaquia, non cansarei de dicilo. Os seus defensores máis acérrimos afirman que é unha tradición ancestral ademais de festa nacional (que non ten nin douscentos anos) e que esta especie de touro nace para isto, senón non existiría. Vale, pero xa de existir mellor pastar no campo a que te droguen e te manden dereitiño ao cadaleito non? Ademais que é iso de tradición ancestral? Tradición ancestral tamén é a ablación do clítoris ás nenas en zonas de África e iso non a converte en algo bo para a sociedade. Non temos dereito a humillar e maltratar a ningún ser vivo sen razón, nin festa ancestral nin gaitas, se queres festa ancestral fas unha mexillonada e se tes un problema de agresividade cravas un estilete no cu, pero non no corpo dun touro que é un ser con tanto dereito (se cabe máis) a gozar da Terra coma o ser humano. Pero mentres a sociedade continúe acomodada na súa “democracia” bipartidista (por non dicir de partido único), tragando con todas as inxustizas e criticando ós que loitan polos dereitos o cambio é imposible. Unha das ferramentas con máis utilidade neste despotismo contemporáneo é aquel antigo logaritmo romano de “divide e vencerás”.

Pois así está España, e nun reduto do noroeste peninsular sobrevivimos os galegos, que tamén temos o noso, exemplo é o caciquismo (isto si que é ancestral), a consolidación no poder dos xerifaltes locais e localistas en Galicia, baseada no tecido dunha rede de prosélitos notables satisfeita con prebendas e que asegura o apoio popular no territorio no que goberna o cacique. É unha fórmula enriquecida a través do legado romano e potenciada aínda máis a partir do sometemento do Reino de Galiza por parte da Coroa de Castela que, para asegurar a lealdade da nobreza galega dende unha distancia física grande e un contacto esporádico, redobrou as compensacións ós seus valedores a costa de castigar ó pobo con impostos e aranceis gravosos ata a ruína.

O funcionamento nepotista ten acadado expresións excelsas no seo de concellos e deputacións, especialmente nas de Lugo e Ourense, onde os recursos viñeron distribuíndose dende a transición á democracia en razón á afinidade política dos alcaldes co presidente da Institución Excelentísima. Ademais o uso irregular do talonario público ten gozado dunha inmunidade total. A creación de bolsas de traballo na función pública para pagar favores, colocar á familia ou acadar réditos electorais crea situacións tan cómicas coma graves: na Casa da Cultura de Ourense hai contratados vinte celadores para atender tres portas. O perfil do político nepotista galego é o dun individuo escuro no seu traballo anterior, case que sempre funcionario da educación ou da administración, sen experiencia ningunha como xestor e moito menos con habilidades desenvolvidas en situacións de crise pero que teñen fame de ascenso social e acumulación dunhas riquezas que a través do exercicio da súa profesión nunca poderían nin acariciar. Un apetito que vence aos escrúpulos cando se trata de favorecer a empresas nas que figuran nomes interpostos para ocultar o verdadeiro accionariado, se é que isto fose preciso, pois a moitos políticos galegos sóbranlle pelotas para facer compatible a súa titularidade como administradores de empresas, presidentes de fundacións, alcaldes, deputados, membros dunha orde, amigos da monarquía, da festa dos touros e de toda a simboloxía tradicionalmente empregada no clima de soberbia ostentosa do poder.

En todo este descarado esparexemento de medios axuda moito o nivel de permisividade dunhas masas cuxo xuízo crítico diminúe na mesma medida en que aumenta a súa sensación de que calquera esforzo pola súa parte para tratar de mudar as cousas é inútil. Os galegos viven instalados na forte convicción de que aproveitarse da posición ocupada na pirámide social é un dereito natural. Á  xente común bástalle con sacar partido, nunha proporción axeitada, das pequenas oportunidades que a diario son susceptibles de ser aproveitadas fóra da lei para obter algunha vantaxe competitiva e de supervivencia. Ese grao de conivencia e de asunción da corrupción como algo inevitable concede unha singularidade máis marcada ás relacións do poder cos administrados en Galicia. O funcionamento irregular nas concesións, nas adxudicacións, no uso do diñeiro público é un mal aceptado como endémico, como tamén a concentración de cargos e de mando na persoa de prebostes que, aínda por riba, apoian a creación de fundacións cun obxecto social mero pretexto para o verdadeiro motivo: o establecemento como elementos de apoio á súa xestión de pozos sen fondo aos que desviar recursos que son manexados por valedores dun sistema podrecido por dentro silenciosamente, e con raíces ben profundas logo de tantos anos de exercicio.

O caciquismo na política ten suposto en Galicia un obstáculo fronte á modernización das estruturas sociais e do aparello produtivo: establece barreiras de entrada para a posta en marcha de novas empresas, impulsa a emigración, somerxe a sociedade no inmobilismo e frea a apertura á innovación e democratización das oportunidades de crecemento, inculca a transmisión, apoiada nos seus propios procedementos e nos da Igrexa, de valores como a resignación ou a asunción dunha sociedade de castas con nula permeabilidade, condena a expresión da liberdade fóra dos preceptos relixiosos: na vida de parella, no concepto de familia, na vivencia do hedonismo, na organización social, na esfera de relacións entre iguais e destes co poder etc.

Dende o máis global ata o máis pequeno, observamos que tódolos sistemas zumegan corrupción tanto a nivel continental coma a nivel autonómico e municipal. Pero tampouco é xusto criticar todo e disparar a discreción sen mencionar que tamén existe xente que día a día loita pola democracia real, grazas a esa xente todavía gardamos hoxe algo de esperanza. Como din ás veces os vellos “España desfaise!” si, pero por sorte todavía conservamos (modificando a célebre frase de Gabriel Celaya) a palabra, “un arma cargada de futuro”.