Etiquetas

, , , ,

A rúa comeza a tremer inexorablemente ante unha situación social que semella ser xa a peor do Estado de Benesetar, benvidos ao que hoxe podemos chamar “Estado de Malestar”.

Onte a sala de espera das urxencias do CHUAC semellaba un formigueiro en verán, xente de todo tipo gardando cola para que se lle outorgase unha prioridade á súa urxencia na sala de triaxe, para despois esperar aínda algunhas horas máis na sala de espera. O sistema sanitario español está totalmente colapsado, faise realidade a afirmación da Ministra de Sanidade Ana Mato: “Las medidas son una clara apuesta por la universalización de la sanidad”. Se por universalización quere dicir que haberá a metade de hospitais para todo o universo a verdade é que non puido ser máis certeira. Entras cunha apendicite e tes que facer cola para que che cuñen a tarxetita de prioridade coma se foses un tenreiro e  despois tes que agardar horas para poder facer as primeiras probas; para cando vas recibir a atención a apendicite xa é peritonite ou ao millor marchou para non aturar o acugulamento do hospital. É algo que poderiamos ver no cine, en Stanley Kubrick ou en algún outro director esperpéntico, pero que non asociamos á realidade: ter que loitar contra os síntomas dunha enfermidade mentres pelexas coas unllas por escalar unha muralla burocrática que te separa dun máis que probable “Bueno home, por isto non se vén ao médico…veña, paracetamol e moito auga”. Parece que as urxencias son á Medicina o que Sandro Rey á Astroloxía…

Pero en moitos casos a culpa non é do personal sanitario, nin moito menos. É normal que se che fan prescindir de medios, se aumentan a túa xornada laboral e se pasas a ter 100 pacientes en lugar de 20 polo mesmo (ou menos soldo) a túa motivación laboral baixe xeométricamente. Isto é o perigoso xa que os médicos non traballan con formigón, senón con seres humanos. Os recortes na sanidade están a provocar de forma indirecta unha frivolización do personal encargado, que ten que arrefriar o seu modus operandi nestes casos de colapso para non rematar na sala de espera dun psiquiátrico.

Nós somos os que temos que sensibilizarnos ante estes feitos, se baixamos a garda os poderes (a través dos medios) conseguirán o seu obxectivo: que amemos ao opresor e odiemos ao oprimido. Esta noite o Rei falando cos xornalistas na súa viaxe a Rusia: “cualquier otro se cogería una baja, pero yo tengo que currar”. Unha baixa? Calquera outro ten que ser operado por un accidente cazando elefantes en Bostwana é ós dous días a súa empresa o pon de patitas na rúa, pero a ti, ademáis de aceptarche as desculpas (“lo siento, me he equivocao, no volverá a ocurrir”) pagámosche o seguro privado para que te operen de urxencia no USP San José e aplaudimos as túas gracias, vaia país de pandeireta!

O poder está a poñer en práctica o algoritmo “divide e vencerás” para evitar as protestas. Tratan de “idiotizar” e “analfabetizar” á sociedade para que estea entretida e acepte todo o que veña de arriba. Non podemos fuxir da realidade que, inevitablemente, remata por coller a todos. Por todo isto é polo que hoxe, 19 de xullo de 2012, hai que saír á rúa e berrar con máis forza que nunca, porque os dereitos universais conlevan a obriga universal de defendelos. Hoxe todas as rúas de España deben tremer polos berros do pobo. Que os culpables paguen o Estado de Malestar.