Etiquetas

,

     É típico das avoas dicir que é mellor esperar a que as cousas arrefríen para seren tratadas, dito aplicábel á vida pero tamén perfectamente ás catástrofes políticas e naturais. Moito tiveron que arrefriar as cousas para que saíse á luz o escándalo de Pearl Harbour que implicaba directamente ao presidente Roosvelt, pero no momento en que sucedeu, o berro común foi “EEUU ten que ir á guerra!”, e agora a ninguén lle importa xa cal foi o detonante, senón o resultado: EEUU, o gran salvador da democracia occidental.

Pois paréceme correcto entón, agora que a Xunta ofrece a total seguridade de que o lume está “perfectamente controlado”, falar do tema dos incendios forestais, en especial este que afectou ás Fragas do Eume. En primeiro lugar é importante destacar a falta de obxectividade nas cifras: 750 hectáreas segundo a Xunta (menos de 350 de especies protexidas) e máis de 2000 segundo outros datos pescudados. Cómo poden variar tanto as cifras? O mesmo que pasa cos datos das manifestacións, non é un tema de marxe de erro, senón de diferencia de intereses. Despois da primeira noite de loita contra o lume, o Conselleiro de Medio Rural falaba para Radio Coruña (Cadena Ser): “O lume está A PIQUES DE ser controlado”; por sorte, puiden chamar para explicar o demagogo desa afirmación e advertir de que ese A PIQUES DE… podía custar moitas hectáreas ao monte galego. Esa mesma noite o foco principal do que falaba o conselleiro como “A PIQUES DE SER CONTROLADO” reactivábase e queimaba outro número importante de terreo forestal, polo que non é xusto coa xente que os representantes do noso goberno falen dunha forma tan populista.

En segundo lugar, é importante destacar a falta de compromiso que en ocasións amosan os medios coa procura da verdade. Dous días despois do incendio, o discurso principal que chegaba aos televisores ao mediodía a través dos informativos era algo así como “parece que ao final non foi tanto” (acurtando na linguaxe e na retórica dos xornalistas). En última instancia non podo deixar de falar da falta de medidas preventivas por parte da Xunta. “É que un desastre así non era previsible nesta época do ano”, claro, con temperaturas de 25 graos e sen choivas dende xaneiro, non se poden poñer dispositivos de emerxencia ou brigadas de vixilancia, iso sí, a Afganistán temos que mandar un cento de gardas civís ao berro de “Viva España!” para que ensinen a “xogar a polis e cacos” á policía afgana, e mentres, os veciños de A Capela a palazos contra o lume. E despois de que máis da metade do bosque se queimase a Xunta movilizou os seguintes corpos (datos oficiais): 4 técnicos, 31 axentes forestais, 37 brigadas, 20 motobombas, 3 palas, 8 helicópteros, 7 avións e efectivos de Protección Civil de Mugardos.  A eles hai que engadir os 286 efectivos mobilizados que forman parte da Unidad Militar de Emergencias (UME). Estes militares actuaron apoiados por 18 autobombas, 6 camións cisterna e uns 100 vehículos de comunicación e apoio. Son todos eles elementos de intervención pertencentes ao Batallón de Intervención en Emergencias V, con base en León. Canta xente non? Pois parece que ao final si que foi para tanto, e para os que dubiden que lles pregunten aos veciños de alí, e á xente que coñecemos a zona e que non lle la poderemos ensinar aos nosos fillos tal e como era.

O único que non entendo é como o lume puido ser provocado, como unha persoa (ou grupo interesado) pode ser capaz de destruir unha parte de si mesmo, da súa cultura, do pouco bó que queda nesta terra, o bosque, o máis fermoso de Galicia, a cor verde; supoño que será o de sempre, seguirán mexando por nós, e teremos que dicir que chove…e nin sequera.